Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Oliveiral da Concordia cumpre 11 anos en Valga, cunha colleita de 4.000 quilos de aceituna

O Oliveiral da Concordia cumpre 11 anos en Valga, cunha colleita de 4.000 quilos de aceituna

A plantación foi un proxecto do párroco de Setecoros para poñer a producir dúas hectáreas de terreo na parroquia

G24.gal 22/10/2026 14:34

Chamáronlle O Oliveiral da Concordia porque plantaron variedades de tres países: a española arbequina, a cobrançosa de Portugal e a frantoio italiana. O proxecto naceu hai 11 anos na parroquia e co párroco de Setecoros, en Valga. 

"Cando cheguei aquí, esta leira estaba chea de toxos e de maleza. Propúxenme darlle unha utilidade", di Paulino Sánchez. Así que plantou 900 oliveiras, en dúas hectáreas. Acaban de recoller delas cousa de 4.000 quilos de oliva. Foi a colleita de recuperar o ánimo despois duns anos de produción irregular. 

"Houbo tres anos que si deu, pero levamos outros tres sen nada de aceituna -di o párroco-. Á arbequina e o frantoio custoulles 5 anos adaptarse, e están respondendo, non así a variedade portuguesa", explica. 

A cobrançosa non dá arrancado a producir, e xa está pensando cambiala por outra. Nestes anos, en colaboración co CSIC, plantaron oliveiras galegas para poñelas a proba, e parece que teñen unha gañadora: a brétema. 

"É regular na produción -di Sánchez- e ten outra característica moi importante, porque reduce custos: é unha oliveira de talla media-baixa, así que traballar na poda ou na colleita é máis fácil, máis rápido, e require menos esforzo".

De momento venden a colleita, pero, se o ano que vén volven dar estes quilos, poden cambiar as cousas: 

"Temos unha marca rexistrada e, se a colleita deste ano se repetira nos próximos, en 2027 por estas datas poderiamos presentarla", explica.

Mandaron analizar a Xaén as primeiras probas, así que xa saben que desas terras do Baixo Ulla sairá un aceite de oliva virxe extra de categoría suprema. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade