Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel recupera os corpos de dous reféns na Franxa de Gaza

Israel recupera os corpos de dous reféns na Franxa de Gaza

Trátase dun matrimonio de 70 anos secuestrado nos ataques de Hamas de 2023

Os familiares do resto de reféns métenlle presión ao Goberno israelí para firmar un cesamento do fogo

Judy e Gadi, os dous reféns asasinados. Reuters. Judy e Gadi, os dous reféns asasinados. Reuters.
G24.gal 05/06/2025 10:33

O Exército israelí confirmou a recuperación de dous cadáveres de reféns na Franxa de Gaza na operación lanzada onte á noite xunto co servizo de intelixencia interior, o Shin Bet, segundo informou a Oficina do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu. 

No comunicado explícase que os corpos de Judy Weinstein-Hagai (70 anos) e Gadi Hagai (72 anos), un matrimonio retido por Hamas, foron recuperados no sur da Franxa de Gaza e xa se encontran en territorio israelí. O Instituto Nacional de Medicina Forense completou a identificación dos corpos e xa informou aos familiares.

"Tras máis de 600 días de dor e espera, os corpos de Gadi Hagai e Judy Weinstein-Hagai foron trasladados ao Estado de Israel e a Nir Oz nunha operación militar esta noite. Gadi e Judy foron levados para o seu enterro tras ser asasinados e secuestrados nos campos do seu fogar" lamentou o kibutz Nir Oz nun comunicado.

Os dous reféns tiñan nacionalidade estadounidense, aínda que ela tamén tiña a canadense, mais ambos residían no kibutz Nir Oz, onde foron secuestrados durante os ataques de Hamas o 7 de outubro de 2023 xunto con outros 56 reféns. Destes, estímase que só 20 seguen con vida.

Os familiares dos reféns que aínda quedan con vida non teñen confianza en que a presión militar poda recuperalos tras máis dun ano e medio de ofensiva israelí. Esixen ao Goberno de Israel que firme un novo acordo de cesamento do fogo para que Hamas permita liberalos. 

"Quen toma as decisións debe facer todo o necesario para chegar a un acordo. Non hai necesidade de esperar outros 608 días agonizantes para isto", reiterou o Foro das Familias de Reféns e Desaparecidos nun comunicado este xoves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade