Israel deixa 200 persoas mortas en Gaza en só 24 horas tras a fin da tregua
As autoridades israelís confirman a morte de cinco reféns capturados por Hamás

O Exército de Israel continúa este sábado a súa ofensiva militar contra o grupo islamita Hamás na franxa de Gaza por segundo día consecutivo desde que rachou a tregua.
"Durante o último día, as Forzas de Defensa de Israel atacaron máis de 400 obxectivos terroristas en toda a franxa de Gaza", indicou un portavoz do Exército israelí.
Segundo informou o Ministerio de Saúde de Gaza, "máis de 200 persoas morreron e máis de 600 resultaron feridas desde que finalizou a pausa humanitaria", por mor dos bombardeos.
As autoridades israelís tamén confirmaron a morte de cinco reféns, capturados polo grupo islamita Hamás, na franxa de Gaza, sen daren detalles sobre os falecementos. Calculan que aínda quedan 132 persoas cativas vivas no enclave palestino.
