Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA e a China alcanzan un acordo sobre os aranceis que desvelarán o luns

Os EUA e a China alcanzan un acordo sobre os aranceis que desvelarán o luns

O secretario do Tesouro estadounidense avanzou que ambas as dúas potencias conseguiron un "progreso substancial"

Altos funcionarios de Washington e Pequín mantiveron reunións durante toda a fin de semana en Xenebra

Pequín di que van establecer un mecanismo de consulta económico-comercial para solucionar problemas 

Membros da delegación chinesa en Xenebra. REUTERS/Denis Balibouse Membros da delegación chinesa en Xenebra. REUTERS/Denis Balibouse
G24.gal 11/05/2025 18:37 Última actualización 11/05/2025 22:56

Os Estados Unidos e a China conseguiron alcanzar un acordo comercial nas súas primeiras negociacións dende que estalou a guerra comercial dos aranceis. Pequín falou de "consenso importante" e Washington de "conversas produtivas".

Porén, ata este luns non se coñecen os detalles e as conclusións das xuntanzas entre ambos os dous países que se levaron a cabo en Xenebra durante a fin de semana.

Segundo avanzou ao remate das conversas o secretario do Tesouro estadounidense, Scott Bessent, produciuse un "progreso substancial". 

Nunha breve comparecencia xunto co representante de Comercio, Jamieson Greer, na que non se admitiron preguntas, ambos os dous eloxiaron a "dilixencia" coa que traballaron o viceprimeiro ministro Hei Linfeng e o resto da delegación chinesa durante esta fin de semana.

"Podo dicirlles que as conversas foron produtivas", asegurou Bessent, quen indicou que se informará de forma detallada sobre os avances logrados o luns cedo en Washington.

O secretario do Tesouro salientou que as conversas se desenvolveron cun evidente espírito de "cooperación, intereses compartidos e respecto mutuo".

"Como dixo o secretario Bessent, estes foron dous días moi produtivos", insistiu Greer.

"É importante entender o rápido que fomos capaces de chegar a acordos, o que reflicte que as diferenzas quizais non eran tan grandes como pensabamos", comentou o alto representante comercial dos Estados Unidos.

Tamén dixo que ninguén debe perder de vista a razón destas negociacións e lembrou que o seu obxectivo é resolver o déficit comercial "masivo" dos Estados Unidos e que o Goberno do presidente Donald Trump decidiu declarar como "emerxencia nacional".

Agregou que a parte estadounidense ten confianza en que o acordo que se alcanzou en Suíza -do que ninguén ofreceu detalles- "cos nosos socios chineses" contribuirá a resolver ese déficit.

Estas declaracións apuntan claramente a unha desescalada da guerra comercial na que ambas as dúas potencias se atopan inmersas desde principios de abril, con aranceis cruzados a niveis de embargo: de 145 % para os produtos chineses e do 125 % para os estadounidenses.

"Consenso importante"

Tamén o Goberno chinés confirmou que as conversas sobre os aranceis foron "profundas" e "construtivas" e desvelou algunha pista sobre os acordos alcanzados.

Segundo informou Pequín, van establecer un mecanismo de consulta económico-comercial para avanzar en solucións a temas que preocupan a ambas as dúas partes.

O viceprimeiro ministro Hei Linfeng, segundo a axencia estatal de noticias Xinhua, asegurou que deron "pasos importantes" para resolver as súas diferenzas de maneira equitativa a través das consultas e o diálogo".

"Alcanzouse un consenso importante", agregou.

A delegación chinesa indicou que este luns emitirase un comunicado conxunto preparado ao termo das reunións en Xenebra, que duraron dous días e se desenvolveron en estrita reserva.

Hei indicou que as relacións económicas e os lazos comerciais entre os Estados Unidos e a China poden ser mutuamente beneficios.

Nesta liña, salientou que Pequín está lista para xestionar as diferenzas que poida ter con Washington e ampliar os ámbitos de cooperación, detallou o medio estatal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade