Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os EUA e A China pactan reducir un 115 % os aranceis recíprocos durante 90 días

Os EUA e A China pactan reducir un 115 % os aranceis recíprocos durante 90 días

Reuters/Tingshu Wang Reuters/Tingshu Wang
G24.gal 12/05/2025 09:26

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, indicou este luns que espera poder conversar co presidente de China, Xi Jinping, "a finais de semana", despois de que Washington e Pequín anunciasen un acordo para suspender durante 90 días a maioría de aranceis implementados.

"Logramos un reaxuste total con China tras unhas produtivas conversacións en Xenebra", afirmou Trump nunha rolda de prensa, onde precisou que este pacto non inclúe os aranceis a automóbiles, aceiro, aluminio nin a produtos similares, nin as tarifas que puidesen impoñerse aos produtos farmacéuticos.

Neste sentido, Trump considera que a cuestión máis importante que se está discutindo "é a apertura de China", engadindo que, aínda que acordaron facelo, "vai levar tempo plasmalo en papel".

A China reducirá do 125 % ao 10 % os aranceis sobre produtos estadounidenses durante os próximos 90 dias e os EUA farán o propio desde o 145 % ao 30 % para os bens chineses, como parte dun acordo conxunto para frear a nova guerra comercial desatada este ano.

O pacto foi anunciado este luns nun comunicado conxunto difundido tras as negociacións celebradas en Xenebra durante a fin de semana por representantes dos Gobernos chinés e estadounidense.

Ambas as partes avanzaron tamén a creación dun mecanismo permanente de consulta, no que representa o xesto máis tanxible de distensión desde o inicio da actual escalada arancelaria. O novo mecanismo de dialogo estará liderado polo viceprimeiro ministro chinés, Hei Lifeng; o secretario do Tesouro dos EUA, Scott Bessent, e o representante comercial dese país, Jamieson Greer, e podería reunirse na China, nos Estados Unidos ou nun terceiro país.

O anuncio anima Wall Street e as principais bolsas europeas e asiáticas

O acordo celebrouse nas bolsas de todo o mundo, pero sobre todo nas dous dous países implicados. En Wall Street, o índice tecnolóxico Nasdaq abriu con subas superiores ao 3 por cento, con empresas como Amazon, Tesla ou Apple encabezando as ganancias.

Por parte asiática, os tres principais parqués chineses subiron entre o 1 o 3 por cento. En Europa, a euforia foi máis moderada. O IBEX 35 español revalorizouse un 0,75%, abondo para marcar un novo máximo anual.  

Tras coñecerse o acordo, o alto representante comercial dos Estados Unidos, Jamieson Greer, dixo que nas negociacións comerciais da fin de semana entre o seu país e A China en Xenebra abordouse por primeira vez de forma directa a crise do consumo de fentanilo nos EUA e que A China comprendeu a súa gravidade.

A cuestión do consumo do fentanilo, unha droga sintética que nos últimos anos converteuse nun problema de saúde pública nos EUA, foi un elemento importante na confrontación arancelaria entre ambas as potencias, xa que Washington reclamou a Pequín que tome medidas drásticas contra a produción e exportación ilegal dos químicos que permiten a súa elaboración.

"Houbo un compromiso sorprendente ao abordarse a crise do fentanilo. Era a primeira vez que A China entendeu a magnitude do que pasa en Estados Unidos", comentou Greer.

Bessent mostrouse moi satisfeito co resultado dos dous días de reunións coa China, destacando a vontade que mostrou de avanzar nestas discusións e o respecto mutuo que imperou en todo momento.

Valorou que un dos aspectos máis positivos que resultaron dos encontros directos entre A China e os Estados Unidos foi a súa utilidade para "reparas as relacións que se danaron" por esta guerra comercial.

O secretario do Tesouro agregou que agora ambos os países contan cun mecanismo de consulta que permitirá "evitar" outra agresiva escalada comercial como a rexistrada nos dous últimos meses.

A guerra comercial entre ambas as potencias intensificouse desde abril coa imposición de novos aranceis recíprocos, que elevaron os gravames a niveis sen precedentes: 145 % para produtos chineses e 125 % para estadounidenses. A reunión de Xenebra, celebrada os días 10 e 11 de maio, foi o primeiro achegamento formal desde esa escalada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade