Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel asalta a Frotiña da Liberdade e retén doce dos activistas, entre eles Greta Thunberg

Israel asalta a Frotiña da Liberdade e retén doce dos activistas, entre eles Greta Thunberg

O Goberno israelí felicita o exército pola toma de control do Madleen e asegura que os tripulantes están sans e salvos: "O espectáculo rematou"

Hamas condena o asalto e fala de terrorismo de Estado;  a ANP agradece os esforzos dos activistas por achegar axuda humanitaria a Gaza e esixe a súa protección

O Goberno convoca o encargado de negocios de Israel tras reter a Sergio Toribio, o español a bordo da Frotiña

Membros da tripulación do Madleen levantan as mans tras interceptar unha forte luz na embarcación no momento en que é asaltada por Israel  (Coalición da Frotiña da Liberdade vía REUTERS) Membros da tripulación do Madleen levantan as mans tras interceptar unha forte luz na embarcación no momento en que é asaltada por Israel (Coalición da Frotiña da Liberdade vía REUTERS)
G24.gal 09/06/2025 08:37

Aconteceu na madrugada deste luns. A Coalición Frotiña da Liberdade denunciou o secuestro por parte de forzas israelís do barco de axuda humanitaria Madleen, con 12 activistas a bordo, entre eles Greta Thunberg.

Denúnciao, na súa conta de X, a organización humanitaria, que inclúe vídeos con mensaxes gravadas polos activistas. "Son de Suecia (...) Se ven este vídeo, estamos a ser interceptados e secuestrados en augas internacionais polas forzas de ocupación israelís, ou forzas que apoian a Israel", indica a activista sueca Greta Thunberg.

“Insto a todos os meus amigos, familiares e compañeiros a que aperten o Goberno sueco para que nos liberen a min e aos demais canto antes".

A relatora da ONU para os Territorios Palestinos Francesca Albanese pide explicacións e a liberación inmediata do buque e a súa tripulación.

Israel: "O espectáculo rematou"

O Ministerio de Exteriores israelí confirma que todos os pasaxeiros do "iate selfie" están sans e salvos, que se lles deu sándwichs e auga, e conclúe: "O espectáculo rematou".

O titular de Defensa israelí Israel Katz felicitou o exército pola rápida e segura toma de control do barco, indicou que o buque está sendo conducido ao porto israelí de Asdod e informa de que, á súa chegada, se lles mostrarán aos activistas vídeos do ataque de Hamas do 7 de outubro de 2023.

"É apropiado que a antisemita Greta e os seus compañeiros de Hamas vexan exactamente a que organización terrorista de Hamas viñeron apoiar e para quen traballan, que atrocidades cometeron contra mulleres, anciáns e nenos, e contra quen loita Israel para defendela".

Hamas fala de terrorismo de Estado

Hamas condena a intercepción do Madleen por Israel e fala de terrorismo de Estado e dun ataque á conciencia humana e unha flagrante violación do dereito internacional.

O grupo esixe a liberación inmediata dos activistas e fai un chamamento á ONU e ás organizacións internacionais para que condenen este crime.

A Autoridade Nacional Palestina, pola súa parte, agradece ao Madleen os seus esforzos por romper o asedio na Franxa de Gaza e esixe a súa protección por parte da comunidade internacional.

O Goberno contacta co español a bordo da Frotiña e convoca o encargado de negocios de Israel

O Goberno púxose en contacto con Sergio Toribio, o español a bordo do barco Madleen, "abordado" polo Exército de Israel. Fontes de Exteriores confirmaron que están en contacto con Toribio, coa súa familia e co Ministerio de Asuntos Exteriores de Israel, "exercendo a protección consular sobre o noso cidadán".

Ademais, o Executivo convocou o encargado de negocios da embaixada israelí en España, Dan Poraz, para protestar polo ocorrido. Israel non ten embaixador en Madrid desde hai un ano, cando o Goberno de Benjamin Netanyahu, procedeu a chamar a consultas a Rodica Radian-Gordon en protesta pola decisión do Executivo de recoñecer o Estado palestino.

O Madleen partiu hai sete días de Sicilia con destino a Gaza para entregar axuda humanitaria, romper o bloqueo israelí e visibilizar o sufrimento continuo que sofre a poboación neste enclave palestino. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade