Irlanda prohibirá o uso de patinetes eléctricos aos menores de 18 anos
A medida entrará en vigor en agosto e impoñerá así mesmo a obrigatoriedade do uso de cascos e chalecos de alta visibilidade para todos os usuarios
O primeiro ministro irlandés, Micheál Martin, adiantou hoxe que ademais se lexislará a final deste ano para considerar os patinetes eléctricos como vehículos de propulsión mecánica, o cal obrigará os seus usuarios a obteren unha licenza e matriculalos
REUTERS
O Goberno irlandés confirmou este martes que prohibirá o uso de patinetes eléctricos aos menores de 18 anos, ante a repunta de lesións graves causadas por accidentes con este tipo de vehículos e o aumento de actividades delituosas.
A medida entrará en vigor en agosto e impoñerá así mesmo a obrigatoriedade do uso de cascos e chalecos de alta visibilidade para todos os usuarios.
O primeiro ministro irlandés, Micheál Martin, adiantou hoxe que ademais se lexislará a final deste ano para considerar os patinetes eléctricos como vehículos de propulsión mecánica, o cal obrigará os seus usuarios a obteren unha licenza e a matriculalos.
O xefe do Executivo de Dublín, de coalición entre centristas e democristiáns, advertiu de que a posibilidade de que a nova lei prevexa unha prohibición total destes vehículos segue sobre a mesa.
A lexislación vixente xa prohibe desde 2024 o uso dos patinetes eléctricos aos menores de 16 anos, mentres que estes vehículos tampouco poden superar unha velocidade de 20 quilómetros por hora ou circular por vías peonís.
O comisionado da policía irlandesa (Garda), Justin Kelly, informou de que se rexistrou un aumento significativo de actuacións relacionadas cos patinetes eléctricos, e, no que vai de ano, incautáronse de 1.412 destes vehículos.
Ademais, este ano iniciarónse 793 procedementos xudiciais pola posesión de patinetes eléctricos.
Pola súa banda, o Servizo de Saúde irlandés (HSE, en inglés) indicou que máis dun terzo de todos os ingresos pediátricos por traumatismo cranioencefálico rexistrados en 2026 no hospital infantil de Dublín estiveron relacionados con patinetes eléctricos.
O HSE estimou nun informe preliminar que entre un e dous menores ao día son atendidos nos servizos de urxencias por lesións relacionadas con patinetes eléctricos.
Martin cualificou hoxe esas cifras de moi, moi preocupantes e asegurou que as novas medidas buscan modificar o uso dos patinetes eléctricos e reforzar a seguridade ao redor destes vehículos.
O secretario de Estado de Transporte, Seán Canney, agregou que na actualidade a compravenda de patinetes eléctricos non queda rexistrada, polo que a lexislación proposta sobre licenzas permitirá á Garda dispoñer de información sobre a idade dos seus usuarios.
Segundo indicou, a normativa vixente é difícil de aplicar cando non se sabe quen comprou o patinete eléctrico, onde o comprou nin para que se está utilizando.