Publicador de contidos

Publicador de contidos

Renfe permitirá levar patinete eléctrico nos seus trens desde o 7 de setembro

Renfe permitirá levar patinete eléctrico nos seus trens desde o 7 de setembro

Renfe alíñase así coa práctica habitual de numerosos operadores ferroviarios europeos, onde o seu transporte está permitido baixo condicións de seguridade específicas

Arquivo/EuropaPress Arquivo/EuropaPress
G24.gal 04/09/2026 14:18

Desde o próximo 7 de setembro Renfe volverá permitir o acceso con patinete eléctrico aos seus trens dos servizos de proximidade, media distancia e longa distancia, excepto en Rodalies e Proximidades Euskadi, onde a medida non se aplicará polo momento.

Só poderán acceder os patinetes que estean homologados, inscritos no rexistro da DXT, que teñan placa identificativa, seguro obrigatorio de responsabilidade civil e certificado de circulación e, unha vez no tren, o patinete deberá ir encartado, apagado e en compartimentos de equipaxe, explica a compañía nun comunicado.

Renfe alíñase así coa práctica habitual de numerosos operadores ferroviarios europeos, onde o seu transporte está permitido baixo condicións de seguridade específicas.

A combinación de uso do patinete e o tren é unha alternativa de transporte ecolóxica e sostible que contribúe a mellorar a mobilidade nas cidades e a diminuír a contaminación ambiental.

A decisión facilitará os desprazamentos de miles de persoas que utilizan estes vehículos para completar o traxecto entre o seu domicilio e a estación ou entre a estación e o seu lugar de traballo ou estudos.

Esta actualización das condicións de transporte chega tras a entrada en vigor do novo marco normativo estatal para os vehículos de mobilidade privado (VMP), que incorpora sistemas de identificación, rexistro e aseguramento obrigatorios e permite reforzar as garantías de seguridade tanto para quen utiliza estes vehículos como para o resto dos viaxantes.

Segundo Renfe, en España hai aproximadamente sete millóns de patinetes eléctricos e outros VMP, unha cifra que reflicte o peso crecente deste medio na mobilidade urbana e a súa utilidade para cubrir distancias curtas de forma sostible, flexible e accesible.

Renfe permitiu o acceso de patinetes eléctricos aos seus trens ata o 11 de decembro de 2023, cando o prohibiu por motivos de seguridade, tras varios incendios de baterías en transporte público.

A compañía admite que a prohibición temporal implantada en 2023 afectou especialmente a quen incorporara o patinete aos seus desprazamentos cotiáns por motivos laborais, educativos ou económicos e avanza que poñerá en marcha accións informativas dirixidas aos viaxantes e de reforzo da comunicación interna co persoal operativo e de seguridade para garantir o correcto cumprimento da nova normativa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade