Irán pon en liberdade a Mehdi Mahmudian, proposto para o Óscar por ‘Un simple accidente’
A película conseguiu a Palma de Ouro en Cannes e está proposta para dous Óscares nas categorías de guión orixinal e película internacional
Fotograma da película 'Un simple accidente'
O guionista iraniano Mehdi Mahmoudian, proposto para o Óscar pola película Un simple accidente, foi posto en liberdade baixo fianza tras 17 días detido por asinar un manifesto que acusaba o líder supremo de Irán Ali Khamenei da represión das protestas.
Mahmudian foi posto en liberdade onte tras o pago dunha fianza de 60.500 millóns de riais (34.500 euros), informou o diario reformista Entekhab.
Xunto ao guionista, foron liberados os activistas Vida Rabbani e Abdulah Momeni tras o pago da mesma fianza, igualmente detidos por asinaren o mesmo documento.
No manifesto, os asinantes critican a Khamenei por autorizar o asasinato masivo e sistemático de cidadáns durante a represión das protestas gobernamentais de xaneiro.
As protestas comezaron o 28 de decembro, cando comerciantes se botaron ás rúas pola depreciación do rial, pero foron crecendo ata converterse nun movemento cidadán que pedía a fin da República Islámica e foi brutalmente reprimido os días 8 e 9 de xaneiro.
O Goberno iraniano recoñece 3.117 mortos, mentres organizacións opositoras como HRANA, con sede nos Estados Unidos, sitúan en 7.015 os falecidos, aínda que continúan verificando máis de 11.700 posibles mortes e estiman uns 53.000 arrestos.
Nas últimas semanas tamén foron detidos seis políticos reformistas que criticaron a represión das protestas e catro deles foron postos en liberdade.
Un simple accidente narra a historia dun expreso político que considera vingarse violentamente do seu torturador en prisión; foi coescrita polo realizador iraniano Jafar Panahi, Mahmoudian, Nader Saeiver e Shadmehr Rastin.
É a primeira película de Panahi desde que saíu de prisión en Irán, conseguiu a Palma de Ouro en Cannes e está proposta para dous Óscares nas categorías de guión orixinal e película internacional.
Panahi e Mahmoudian coñecéronse en prisión, segundo declarou o primeiro nun comunicado tras coñecer o arresto.
O propio Panahi foi condenado a un ano de prisión en ausencia no seu país o pasado decembro por razóns similares a Mehdi Mahmoudian e asegurou que unha que vez acabe a promoción do filme volverá ao seu país.