IPC de outubro: o mes de maior aumento desde o 2021, por Maite Cancelo
OPINIÓN
IPC de outubro: o mes de maior aumento desde o 2021, por Maite Cancelo
O IPC de outubro medrou un 1,8 % con relación ao mesmo mes do ano anterior, polo que rompe co crecemento máis moderado dos catro meses anteriores, sendo tres décimas máis que a subida de prezos de setembro. Se analizamos a subxacente (excluídos os alimentos frescos e os produtos enerxéticos) sitúase nun 2,5,%, o cal é máis preocupante.
Este aumento débese, como indica o propio INE, principalmente ao aumento dos prezos dos carburantes, da electricidade e do gas, que en outubro de 2023 descenderan.
Non é casualidade que en outubro se eliminaron as medidas sobre o IVE, co que subiu o tramo de produtos básicos ata o 7,5 % e ata o 2 % os superreducidos (grupo no que se atopa o aceite de oliva) e que, ademais, os tipos retornarán aos seus niveis habituais (10 % e 4 %) en xaneiro.
Se descendemos nos bens e servizos que máis crecen, aínda que destaca o transporte marítimo de pasaxeiros (40,2 %), a xoiería e bixutería (15,5 %) ou os paquetes turísticos nacionais (15,1 %), aínda que nos prexudican máis aqueles que son consumidos por unha maior poboación: chocolate (21,2 %) e zumes de froitas e vexetais (14,8 %), mentres que o aceite de oliva contén o seu aumento e sitúase no 4,2 %, aínda que non podemos esquecernos de que a subida acumulada desde xaneiro de 2021 é do 163 %.
Con relación ao mes anterior, o IPC aumentou nun 0,6%, sendo a maior suba desde o 2021 polos incrementos en vestido e calzado ou as froitas e hortalizas.
Perspectivas
Numerosos organismos, como FUNCAS ou o departamento de análise de Bankinter, xa revisaran á alza as súas previsións para finais deste ano recollendo nos seus escenarios a evolución dos prezos do petróleo e, mesmo, a moderación, que tivo o seu valor no ano pasado, que provoca que o aumento relativo no actual sexa maior (efecto chanzo) e a primeira retirada dos estímulos no IVE dalgúns alimentos.
Desta forma, 2023 pode acabar cunha taxa do 2,9 % ou 3,1 % de inflación, que, segundo o informe de Bankinter estaría por encima do 2,6% estimado para a Zona Euro.
Principios de ano
Un pouco máis do mesmo, con relación á enerxía hai que estar pendentes da evolución do prezo do petróleo e, aínda que algúns estudos xa avanzan unha moderación do crecemento dos prezos, hai que ter en conta que, en xaneiro, como xa indicamos, todos os produtos alimentarios volverán aos seus tramos anteriores de IVE, 10 % para o reducido e o 4% para o superreducido, co que a eliminación desta medida seguirase notando no peto dos consumidores.