Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigan un sancristán de Vilanova por suposto roubo de obxectos litúrxicos

Investigan un sancristán de Vilanova por suposto roubo de obxectos litúrxicos

Na súa casa atopáronlle pergamiños do século XIX, libros antigos, imaxes de madeira de gran valor, capelas domiciliarias e ata unha coroa de prata

Obxectos de que a Garda Civil se lle incautou ao sancristán de Vilanova Obxectos de que a Garda Civil se lle incautou ao sancristán de Vilanova
G24.gal 16/02/2023 21:07 Última actualización 16/02/2023 21:25

O antigo sancristán da parroquia de San Cibrao, en Vilanova de Arousa, está a ser investigado por furtar obxectos litúrxicos de gran valor cultural e histórico aproveitando que o párroco estaba hospitalizado.

O Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa acordou continuar as actuacións contra este home por se a súa conduta puidese ser constitutiva dun delito continuado de apropiación indebida.

A Fiscalía e o Arcebispado de Santiago de Compostela terán dez días para formular o seu escrito de acusación ou pedir o arquivo da causa.

Segundo fontes da investigación, o antigo sancristán empezou a actuar cando o anterior cura de San Cibrao ingresou no Hospital Provincial de Pontevedra, en abril de 2020.

Entre ese momento e a súa morte en agosto de 2020, levou ao seu domicilio e ao domicilio da súa nai diversos obxectos de gran valor histórico.

Dende pergamiños e libros antigos ata tallas de gran valor e unha coroa de prata

Entre eles, uns pergamiños do século XIX, unha imaxe de madeira de San Brais do século XVII e XVIII, outra do sacro Corazón de Xesús de pasta e madeira policromada de principios do século XX e unha talla do neno Xesús da Virxe da Pastoriza do século XVI.

Cando chegou o novo sacerdote, o 13 de novembro de 2020, o sancristán negouse a devolvelos e non entregou as chaves do complexo reitoral, de modo que foi necesario cambiar as fechaduras.

Finalmente, o sancristán acabou entregando unha coroa de prata do Sacro Corazón de Xesús, unha coroa de festa, e outra de diario de Pastoriza, un fiador do roquete de San Cibrao, un pectoral, un anel de San Cibrao e roupa de festa, mitra, capa, sotana e estola do santo patrón.

No seu domicilio en Vilanova de Arousa, a Garda Civil achou numerosa documentación e obxectos, entre eles, o estandarte de catecismo da parroquia de San Miguel de Deiro, un pano de veludo de cor vermella coa inscrición culto, utilizado para a recadación de esmolas, ou sete palias con bordados antigos.

Ademais, tiña dezaoito libros antigos relacionados coa actividade litúrxica e unha talla da imaxe do neno Xesús de madeira policromada de máis de cen anos de antigüidade, que pertencía ao mosteiro de Cálago das Sinas.

Tamén gardaba obxectos na casa da nai

No domicilio da súa nai, tamén en Vilanova, apareceron a talla de San Brais, de madeira policromada, a imaxe do Sacro Corazón de Xesús e sete libros antigos relacionados coa actividade litúrxica e dúas capelas domiciliarias de Xesucristo Nazareno e do Vía Crucis.

Xunto a este material había dúas tallas do Sacro Corazón de Xesús, unha da Inmaculada, outra de Santa Irene, candelabros e a cruz de altar, nove capelas domiciliarias con imaxes do Sacro Corazón de Xesús e de Santas e un reloxo ovalado da marca Villar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade