Investigan un accidente en Coristanco en que o condutor fuxiu do lugar
O vehículo fora roubado pouco antes do accidente acontecido na tarde do Día de Reis
Non se rexistraron feridos
Completamente envorcado. Así quedou o vehículo despois de protagonizar unha saída de vía pola marxe dereita, por causas que aínda se descoñecen, para acabar metido na gabia.
"Ás cinco pasei eu por alí e xa estaba coas rodas para arriba. Estaba alí a Garda Civil e Protección Civil".
Non había ninguén máis porque o condutor, tras o accidente, fuxiu do lugar. Polo momento tampouco se sabe se era o único ocupante do turismo que circulaba por esta estrada de Coristanco que une Traba con Rus.
"Se deixa un coche aí é porque non era del, seguramente...".
Este equipo do Galicia Noticias puido saber que o vehículo sinistrado fora roubado na mesma tarde do Día de Reis, pouco antes de acontecer o accidente.
"É unha estrada onde adoita haber moitos accidentes con coches envorcados, tiradas na gabia ou o que lle cadra".
Para poder localizar o condutor do turismo e esclarecer todos os feitos, a Garda Civil xa abriu unha investigación.