Morre o ministro de Defensa de Mali nun atentado provocado por Al Qaeda
Dúas fontes militares e un parente declararon que Camara e tres membros da súa familia faleceron na explosión na localidade de Kati, preto de Bamako
FrancePress
O ministro de Defensa de Mali, o xeneral Sadio Camara, morreu nun atentado con explosivos durante a ofensiva de gran escala lanzada este sábado. O suceso foi provocado por Al Qaeda e secesionistas norteños contra civís e militares.
Dúas fontes militares e un parente declararon que Camara e tres membros da súa familia faleceron na explosión na localidade de Kati, preto de Bamako, sen avanzar máis detalles.
O asasinato de Camara, de 47 anos e no cargo desde 2021, aínda non foi confirmado oficialmente polo Goberno maliano.
Este xeneral era un dos principais integrantes da xunta militar que dirixe Mali e participou no golpe de estado de 2020, que derrocou ao expresidente electo Ibrahim Boubacar Keita.
Este sábado, a secesionista Fronte de Liberación de Azawad (FLA), que reclama esa rexión do norte, e o Grupo de Apoio ao Islam e os Musulmáns (JNIM, filial de Al Qaeda no Sahel) lanzaron unha ofensiva coordinada no norte do país que culminou coa toma da estratéxica cidade de Kidal.
O JNIM levou a cabo ataques unilaterais contra sedes civís e cuarteis militases en Bamako, Kati e outras cidades do centro, e intentou asaltar o aeroporto internacional da capital maliana.
O Estado Maior das Forzas Armadas de Mali informou de que grupos armados terroristas atacaron varias cidades, pero o Exército repeleu a ofensiva, e asegurou que a situación "está totalmente baixo control".
Ademas, pediu calma á poboación e decretou un toque de queda de tres días no distrito de Bamako, con máis postos de control na capital e a súa periferia.
Desde 2020, Mali está gobernado por unha xunta militar nun contexto de inestabilidade e violencia prolongada, impulsada por secesionistas do Azawad e grupos xihadistas vinculados a Al Qaeda e ao Estado Islámico