Arbo celebra a súa tradicional Festa da Lamprea con grande afluencia de público
Moitos achegáronse ata Arbo para degustar este produto nas súas distintas elaboracións tradicionais: hai lamprea en empanada, con arroz ou rechea
Considerada unha das citas gastronómicas más emblemáticas de Galicia, está declarada de Interese Turístico Internacional
É unha das citas gastronómicas máis agardadas. Son moitos os que se achegaron ata Arbo para degustar este produto nas súas distintas elaboracións tradicionais: hai lamprea en empanada, con arroz ou rechea.
"Aquí o máis tradicional é ao estilo Arbo que é a que máis se vende, despois está a rechea que leva pemento e ovo, e en empanada. A fin de semana está a ser bastante bo porque o sábado vendeuse moitísimo, esperemos hoxe repetir o mesmo e rematar con todo. A guisada é a que máis se vende, faise coa súa sangue e vai acompañada con arroz branco", di Rubén Ureta Pereira, do restaurante Os Pirús.
"É a primeira vez que veño á festa, vivo aquí moi preto pero é a primeira vez que veño e está moi ben", comenta un comensal.
Esta festa, considerada unha das citas gastronómicas más emblemáticas de Galicia, está declarada de Interese Turístico Internacional e volveu demostrar un ano máis a súa capacidade de convocatoria.
"Haina rechea, haina en empanada, de moitas maneiras"
"A min gústame máis con arroz e a empanada tamén está rica"
"Riquísima, moi ben, moi ben", engaden outros comensais.
Pero como en todo, hai opinións para todos os gustos.
"A xente á que lle gusta, gústalle moito e á que non, non pode con ela", di Rubén Ureta Pereira, do restaurante Os Pirús.
"A min gústame moito, está moi rica, leva ovo, pemento, está afumada"
"Para que lle guste, a min antes non me gustaba e en cambio agora encántame", din outras persoas que acudiron á esta cita gastronómica.
Nesta proposta culinaria, profesionais da cociña da zona esmeráronse nos fogóns para ofrecer ao público receitas e técnicas que foron pasando de xeración en xeración, que xa forman parte do patrimonio culinario de Arbo.