Investigan se volveron ocupar o edificio desaloxado na Sagrada Familia, na Coruña
Varios veciños confirmáronlle á policía que viran entrar dous homes e que escoitaran ruídos
O edificio quedou baleiro, pero estaba en bo estado ata que hai un ano entrou un grupo de ocupantes ilegais
Aínda non pasaran vinte e catro horas do desaloxo e, sorpresa...
"Parece ser que onte á noitiña entraron dous, segundo di unha veciña que os veu saltar dende o teito da terraza ata o primeiro piso e hai unha ventá aberta, así que acabo de chamar a policía", conta unha muller que vive xusto en fronte.
Pouco durou a tranquilidade dos veciños do edificio desaloxado este martes na Sagrada Familia, na Coruña. Hai indicios de que dous ocupantes ilegais volveron entrar poucas horas despois, pola terraza de atrás.
Outra veciña confirmoulle á policía que esta noite volvera escoitar ruídos. Lástima porque xa daban o tema por liquidado.
"Eran todo rapaces de entre 25 e 30 anos, todos novos. Marcharon con bolsas e maletas e dixen, por fin, descansaremos en paz! Esta noite durmín perfectamente, nun silencio e nunha paz que nin imaxinas".
"Eu tiña medo de pasar por aquí diante, ía bordeando. A verdade é que nunca pasaba por aquí. Agora que sei que non están vivimos máis tranquilos e estamos máis tranquilos"
Levan algo máis dun ano de pesadelo, con ruídos, pelexas..., e con medo.
"Xa vedes que a miña terraza dá á terraza deles e o problema que tiñamos é que non subiran cunha escaleira que tiñan e que nos entraran na casa. As cousas como son"
"De noite, espértante ás tantas da madrugada. Outras veces cando te deitas, xa está o follón armado. Uns días levaron a un detido, outra vez levaron unha moza. Un desastre!"
"Vin como sacaban unha escopeta, pelexas cos puños un montón. É un perigo enorme. Eu comparto patio con eles e están todo o día tirando cousas pola ventá"
Non hai máis que ver a terraza de atrás para se facer unha idea do que houbo aí. O que no seu día fora un sitio de recreo, hoxe é un vertedoiro.
"Trouxeron cantidade de trastos e está a terraza que mete medo"
Respiraron aliviados onte, cando os viron marchar carrexando maletas, pero hoxe cruzan os dedos para que os peores temores non se fagan realidade.