Extinguido o incendio de San Millao, en Cualedro, tras arrasar máis de 97 hectáreas
A maior parte da superficie afectada era monte raso e apenas ardeu medio hectárea de terreo arborado
Participaron medios da Xunta e efectivos dos Países Baixos en formación en Galicia

A Consellería do Medio Rural informou este venres da extinción do incendio forestal que afectaba á parroquia de San Millao, no concello ourensán de Cualedro, onde arderon máis de 97 hectáreas de superficie, segundo os cálculos da Xunta.
A práctica totalidade da zona queimada corresponde a monte raso, mentres que apenas resultou afectada media hectárea de terreo arborado.
O incendio comezou o mércores 23 de xullo, pasadas as catro e media da tarde, e quedou finalmente extinguido ás 15:45 horas deste venres.
No operativo de extinción participaron tres técnicos, 22 axentes, 34 brigadas, 18 motobombas, tres pas, dúas unidades técnicas de apoio, sete helicópteros e catro avións.
Ademais, sumáronse ao dispositivo varios bombeiros dos Países Baixos que están a realizar unha estadía de formación en Galicia no marco do Mecanismo Europeo de Protección Civil.