Xa é posible ter a outra perspectiva do Fuciño do Porco
Un barco de pasaxe ofrece a oportunidade de ver a Punta de Socastro dende o mar
Dende hai catro anos é posible facer unha ruta turística marítima nun barco de pasaxe que leva aos pasaxeiros ata o Fuciño do Porco, a Punta Socastro, unha paraxe na que o mar formou as rochas de tal xeito que semellan esa parte do animal, co fuciño e os caeiros, un referente para mariñeiros que dende hai anos se fixo moi popular entre os turistas logo da recuperación e a apertura ao público dun percorrido que leva ata esa zona da costa do Vicedo.
No barco hai capacidade para corenta persoas e ao longo do percorrido vaise dando información sobre outros puntos interesantes, como a Virxe do Carme, o Cargadoiro, a Praia dos Cristais ou a Cova da Doncela.
"Ofrécenos outra perspectiva completamente diferente", comentan os viaxeiros, que tamén salientan que se trata dunha travesía "cómoda".
A saída e o desembarco prodúcese no porto deportivo de Viveiro durante os meses do verán.