A fin de semana chega cargada de festas en toda Galicia
O Morriña Fest, Sinsal, festas da navalla ou do percebe, romarías vikingas... Estes últimos días de xullo deixan festas para todos os gustos
Esta fin de semana longa en pleno verán ofrece bos pretextos para poñer rumbo a lugares tan singulares coma o arquipélago de San Simón, en Redondela.
O antigo lazareto da ría de Vigo acolle de venres a domingo unha nova edición do Festival Sinsal.
Coma sempre, o cartel é un segredo que so se coñece no momento de desembarcar, pero o que si se sabe é que está composto por máis de 30 bandas e solistas.
Moito máis ao norte, no Vicedo, tamén hai oferta festiva a carón do mar.
A Romaxe Viquinga transforma o sábado e o domingo a vila e a praia de San Román nun escenario medieval con música, obradoiros, espectáculos e batallas.
A Idade Media tamén segue viva na zona vella da Coruña, por mor da Feira das Marabillas. Pero a maiores, a cidade suma música contemporánea nunha nova edición do Morriña Fest no peirao.
Os que sigan as convocatorias gastronómicas, estes días teñen unha cita no paseo marítimo do Xufre, na Illa de Arousa, onde celebran toda a fin de semana unha nova edición da Festa da Navalla.
E se prefiren percebes, a oferta está na Festa do Percebe de Aguiño.
O domingo honran alí o prezado crustáceo e os profesionais que se arriscan a sacalo do mar.
E, volvendo á oferta musical e os escenarios singulares, o Courel Son abre a súa programación de jazz e blues hoxe cun concerto en Esperante. E, para os amantes dos ritmos tradicionais galegos, o programa do Apóstolo despregará de novo a Trad Fest por toda Compostela este domingo.