Un estudo sinala que con só 7.000 pasos diarios a mortalidade redúcese a case a metade
A pesares da crenza popular dos 10.000 pasos diarios, un estudo revela que 7.000 son suficientes para reducir significativamente o risco de padecer problemas relacionados coa saúde
O estudo di que as enfermidades cardiovasculares, por exemplo, diminúen nun 25 %, o cancro nun 6 %, a demencia nun 38% e a depresión nun 22%
Camiñar a diario pode ser unha actividade moi útil para manter unha boa saúde, e hai moita xente que xa ten este pensamento implementado na súa vida diaria.
Pois ben, a pesares da crenza popular de que hai que dar 10.000 pasos diarios, un estudo feito por expertos da universidade australiana de Sídney e publicado nunha revista científica, argumenta que basta con chegar aos 7.000 para ver reducións significativas no risco de diferentes problemas relacionados coa saúde.
Segundo os investigadores, con esta cota de actividade, a mortalidade por todas as causas redúcese a case a metade, nun 47 %. As enfermidades cardiovasculares, por exemplo, diminúen nun 25 %, o cancro nun 6 %, a demencia nun 38% e a depresión nun 22%.
Con todo, argumentan que esta é simplemente unha estratexia para que as persoas que non fan ningunha actividade teñan un obxectivo máis asequible. As persoas que xa camiñan 10.000 pasos diarios, din, non deberían reducir esta cantidade.
O sedentarismo está cada vez máis presente na vida diaria das persoas e algunhas ideas para reducilo e aumentar a actividade física son, por exemplo, dar paseos ao aire libre ou usar as escaleiras en lugar dos ascensores.