Investigan se a desaparición das gaivotas pode deberse ao botulismo
Un estudo, en que participa o Oceanográfico, analiza se a toxina botulínica é a que lles provoca parálise
As gaivotas intoxicaríanse ao comer larvas de moscas infectadas
Nos últimos vinte anos as gaivotas foron desaparecendo progresivamente da nosa costa. Non só das cidades tamén dos espazos naturais onde criaban e se refuxiaban.
Un estudo internacional, no que participan investigadores do Instituto Oceanográfico de Vigo, apunta ao botulismo como causa da súa desaparición.
A gaivota patiamarela foi sempre a especie máis común en Galicia, pero de 30.000 parellas reprodutoras que había hai tres décadas pasamos a 7.000.
Esta perda de aves constátase en toda Europa de aí que un equipo de investigadores analizase 571 mostras de 377 aves tomadas na costa sur de Portugal para determinar se a morte pode deberse ao botulismo.
“A toxina botulínica está producida por unha bacteria o Clostridium botulinum, que se encontra normalmente en augas en descomposición, e unha neurotoxina moi potente que produce estes síntomas de parálise”, asegura Lucía Soliño, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo
Nesas augas abundan as moscas, e as gaivotas intoxicaríanse ao comeren as larvas. No estudo advirten que é fundamental detectar os gromos, retirar os cadáveres e controlar a calidade da auga.
Polo que constataron na investigación, a toxina aparecía en todos os casos que respondían á mesma sintomatoloxía.
“En todos os casos teño que dicir que se analizaron mostras de animais que presentaban os síntomas e doutros que morreron por outras causas. Todas as aves que presentaron síntomas foron positivas para botulismo mentres que as que non os tiñan eran
negativas. Iso dános unha pista pola que tirar”, di Soliño.
A illa de Sálvora conserva agora a metade das gaivotas que quedan.