Investigan os roubos de xoias e diñeiro en polo menos catro vivendas do concello de Redondela
Estes asaltos producíronse en vivendas unifamiliares nas parroquias de Reboreda e Ventosela
Tres dos roubos denunciáronse nunha mesma tarde, e a Policía Nacional investiga se hai algún patrón común entre eles
A Policía Nacional investiga varios roubos producidos nos últimos dias en vivendas unifamiliares do concello de Redondela. que parecen ter o mesmo modus operandi e xeraron certa preocupación entre a veciñanza.
Os ladróns aproveitaban que os propietarios non estaban nas casas para asaltar as vivendas das parroquias de Ventosela e Reboreda nos últimos días: "Viñan cunha pata de cabra destas pancar unha porta, romper unha porta. Desvalixaron todo, e cando cheguei á casa a roupa toda polo chan", contaba un dos veciños afectados.
"Estabamos na casa, pero non nos decatamos ata que chegou a rapariga da casa e chamou o irmán", dicía outro veciño, testemuña do ocorrido nas vivendas.
Tres destes asaltos foron denunciados nunha mesma tarde, polo que todo apunta a unha mesma autoría. "Roubáronme algo de diñeiro e xoias, veu a policía científica e dixéronme que viñan con guantes, pero non había pegadas", declarou un dos afectados.
Nunha das vivendas soou a alarma, pero lograron fuxir: "E ese ten alarma e entráronlle tamén porque é que a alarma saltoulle e entón avisáronno e viñeron, pero non lle chegaron a roubar nada", afirmaba un dos veciños, testemuña do suceso. Agora investíganse as cámaras de seguridade.
Algúns dos roubos producíronse a plena luz do día, e os veciños están preocupados por se volven entrar noutros domicilios e declaran que teñen "medo", pero "hai que levalo así": "Nunca pasou nada, nunca roubaron. Agora non podes estar tranquilo por se che entran. Incluso chamei a policía para que deran unhas voltas e vixíen", contaba un afectado.
A policía busca os autores dos roubos e investiga se hai un patrón común entre eles. Non se descarta ningunha hipótese, pero todos os asaltos rexistráronse en vivendas unifamiliares situadas a menos dun quilómetro de distancia onde entraron previa vixilancia e aproveitando a ausencia dos propietarios.