Investigan o roubo de 12.000 euros a unha muller de Padrón tras estafala con cupóns de lotería
O ladrón díxolle á vítima que tiña seis cupóns da ONCE premiados, pero era incapaz de cobralos
A vítima denunciou o roubo con violencia despois de que lle levasen pola forza o bolso cos cartos
A vítima, unha muller de Padrón de 67 anos, estaba en Pontecesures cando un home se achegou para contarlle que tiña seis cupóns da ONCE premiados, pero era incapaz de cobralos. Entón apareceu outra muller, o gancho, que finxiu non coñecer o home. Entre os dous conseguiron enganar a vítima para que sacase 12.000 euros do banco.
"Supoño que lle ofrecerían un boleto e a señora, se o boleto estaba premiado en 30.000 euros, para pagarlle sacaría o que tiña", comenta unha veciña.
Pero o suceso non acabou aí. Dixéronlle que tiñan que cobrar os cupóns en Pontevedra e a muller meteuse no coche cos dous ladróns. Pararon ao pouco, arricáronlle o bolso dun tirón e fuxiron.
Un condutor recolleuna. A vítima presentou unha denuncia por roubo con violencia na Garda Civil de Valga e recibiu asistencia sanitaria no PAC por lesións leves.
Para evitar casos coma este, cómpre extremar a cautela. "Hai que ter moito coidado, porque te lían e métente nun problema", advirte un cidadán. "Xa había un refrán que dicía que ninguén dá duros a catro pesetas, e aquí cúmprese iso... Ou gato por lebre, que tamén é o mesmo", engade outro veciño.
O bolso da vítima apareceu no miradoiro da Perdiz. Atopouno un home que pasaba por alí, pero xa non había nin rastro dos cartos nin do teléfono móbil.