Investigan as causas do falecemento da muller atopada morta en Cangas
María del Carmen levaba días desaparecida e o seu cadáver foi atopado no soto dun edificio abandonado
Despois dunha semana de busca, o cadáver de María del Carmen foi localizado no soto dun edificio a medio construír, que estaba anegado de auga. Garda Civil, Policía Local e Protección Civil traballaron durante horas para poder recuperar o corpo.
A zona permaneceu acordoada ata que a Policía Xudicial concluíu a inspección e se procedeu ao levantamento do cadáver. Esta mañá os seus veciños lamentaban o falecemento desta muller que, ao parecer, non atravesaba un bo momento persoal.
Algúns deles contan que é unha tristeza o que pasou, coa esperanza de que se saiba que aconteceu. Din que era unha boa muller, que non era conflitiva e que lle afectara moito a recente morte da súa nai.
O seu corpo apareceu nun edificio ocupado por persoas sen fogar e con problemas de drogadicción, que viven en condicións insalubres e de inseguridade. Os veciños levan tempo reclamando que o tapien, para evitar incidentes e a compravenda de droga.
A Garda Civil investiga as circunstancias da morte da muller. Á espera do resultado da autopsia, non transcenderon datos oficiais sobre a existencia ou non de sinais de violencia no cadáver. Polo de agora non se desbota ningunha hipótese.