Investigan a causa dun incendio en varios contenedores que danou un edificio en Lugo
De momento descoñécese a orixe do lume e non foi identificada ningunha persoa por este suceso
A Policía Local de Lugo, en colaboración coa Nacional, trata de determinar a orixe do incendio que calcinou varios contedores nunha céntrica rúa da cidade, alén de provocar danos de consideración nun edificio, afortunadamente sen que ningunha persoa resultase ferida.
O incendio produciuse na rúa Escultor Asorey, en plena noite. Un viandante alertou á Policía Local de que saía fume dun dos contedores situados nesa vía e, de inmediato, unha patrulla achegouse ao lugar.
Como aparentemente o lume “aínda era de baixa intensidade”, utilizaron o extintor do vehículo policial para sufocar as chamas. Con todo, apenas uns segundos despois baleiralo, o lume reavivouse con forza e propagouse ao contedor adxacente, reservado para depositar envases plásticos.
Aos efectivos uniformados, dada a situación de emerxencia, sumouse un compañeiro fóra de servizo. Entre todos, lograron desprazar manualmente os demais contedores para que non se visen tamén afectados polo lume que xa devoraba dous recipientes.
Pouco despois chegou unha dotación do Parque de Bombeiros municipal, que sufocou definitivamente o incendio e retirou os restos de plástico derretido do asfalto, alén de botar auga sobre a fachada do inmoble número 9 da rúa, afectado polo “impacto directo das chamas”.
De feito, o incendio provocou danos de consideración no edificio, coa rotura de fiestras na entreplanta e a deterioración evidente da fachada. As chamas chegaron a afectar a un turismo que estaba estacionado no lado oposto da rúa.
De momento descoñécese a orixe do lume e non foi identificada de momento a ningunha persoa por este suceso, do que tamén foi informado o Corpo Nacional de Policía.