Investigan a causa da moltaldade de longueirón na Lanzada
Os mariscadores agardan os resultados das análises solicitadas pola confraría ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Intecmar
O elevado número de longueirón morto que o mar deixou no areal da Lanzada o día 12 xerou preocupación entre o persoal que se dedica ao marisqueo no Grove. Tres días despois, na praia só quedaban algunhas cunchas e mentres se agardaba o resultado das análises solicitadas pola confraría ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, Intecmar.
Fálase de que poderían ser varias as causas da mortaldade, polo que conta Alfonso, mariscador que viña da navalla: "Falando entre nós na confraría, a bióloga seica mandou uns técnicos da Xunta e seica están a investigar iso. Ela dicía que podía ser por cambios de temperatura na auga ou por baixa salinidade, pero non cre que fose, sendo na zona que é de mar aberto. Se fora na ría podería haber máis posibilidadades, pero alí, non".
Jose, tamén mariscador da Confraría do Grove di que "non é normal que dun día para outro só morra esa especie. Non é normal", e engade: "De momento o recurso está vivo. Non hai nada morto. Xa o vedes vós, que estamos a sacar marisco e ameixa están sacando, e a ameixa é mais delicada e non está a morrer. Iso tivo que ser algunha vertedura. Non sei de que nin por quen nin como o fan, pero iso... non sei".
Mentres agardan os resultados das análises os mariscadores da navalla proseguen con normalidade o seu traballo coa perspectiva posta no verán.