Investigados cinco gardas civís en varias causas abertas a raíz doutra por tráfico de drogas en Carballo
Investigados cinco gardas civís en varias causas abertas a raíz doutra por tráfico de drogas en Carballo
Os axentes están acusados de encubrimento ou favorecemento do tráfico de drogas e revelación de segredos
Cinco gardas civís están a ser investigados no marco de varias causas xudiciais abertas a raíz dunha operación inicial activada en Carballo contra o tráfico de drogas.
Entre os delitos que se lles atribúen está o de revelación de segredos.
A orixe da investigación está ligada coa operación que, en maio do pasado ano, rematou coa detención de seis persoas ligadas ao clan dos Otero.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco, confirmou a existencia da investigación, pero declinou dar detalles dado que rexe o segredo de sumario.
As fontes do TSXG ratifican que hai varias causas abertas que teñen como orixe a instrución en curso dunha operación que suma seis investigados por un delito contra a saúde pública, pertenza a grupo criminal e branqueo de capitais. No marco da mesma, dous axentes da Garda Civil son investigados por "encubrimento ou favorecemento do tráfico de drogas e revelación de segredos".
A raíz desa investigación, as mesmas fontes engaden que a xuíza de Carballo abriu outras cinco causas: por revelación de segredos e información privilexiada; por estafa en relación co patrimonio de cinco persoas falecidas; por estafa, falsidade documental e extorsión; por suborno; e por delito sen especificar, á espera de que se concrete, pero relacionado con suborno ou tráfico de influencias.