Investigada no caso Saltamontes a edil de Seguridade e Festas do Concello de Vigo
A xuíza cita tamén como investigados ao xefe de área de Seguridade e Mobilidade do Concello, así como ao perito que realizou a inspección ou revisión anual da atracción
PP e BNG piden o cese inmediato de Patricia Rodríguez Calviño
A atracción de feira onde se produciu o accidente mortal (Javier Vázquez/Europa Press)
A maxistrada encargada da instrución do caso do accidente mortal da atracción o Saltamontes, ocorrido en Vigo no verán de 2024 e no que faleceu un home chamado Iván Castaño, citou a declarar en calidade de investigada á concelleira de Seguridade e Festas do Concello da cidade, Patricia Rodríguez Calviño.
Ademais, na providencia, facilitada á prensa este xoves, a xuíza cita tamén como investigados ao xefe de área de Seguridade e Mobilidade do Concello, así como ao perito que realizou a inspección ou revisión anual da atracción.
A práctica desta dilixencia está sinalada para o 3 de febreiro e os tres investigados declararán ás 10:30, ás 11:00 e ás 11:30 da mañá, respectivamente.
O accidente mortal que lle custou a vida a Iván Castaño Hervella tivo lugar nas festas de Matamá o 3 de agosto de 2024 e na causa foron imputados o propietario da atracción e o que entón era presidente da comisión de festas local, Cristian González.
A citación da concelleira Patricia Rodríguez Calviño fora denegada pola maxistrada cando a pediron os pais da vítima, e tamén pola Audiencia Provincial, pero agora a xuíza decidiu atender esa solicitude.
PP e BNG piden o seu cese
Os grupos da oposición no Concello de Vigo, PP e BNG, esixiu este xoves o cesamento inmediato da concelleira de Seguridade.
A presidenta do PP vigués, Luisa Sánchez, sinalou que esta decisión da xuíza, de citar á concelleiro, pero tamén ao xefe da área municipal de Seguridade, Antonio V.M., "é dunha extrema gravidade".
"E é tamén a constatación evidente da manifesta neglixencia coa que actuou este goberno municipal, ao incumprir as súas obrigacións de control e vixilancia dunha atracción de feira que nin foi inspeccionada nin precintada pola Policía Local ao carecer de autorización municipal para a súa montaxe", engadiu.
Ante a gravidade dos feitos, o PP pediu que Patricia Rodríguez sexa apartada dos seus cargos, porque "unha persoa que está a ser investigada xudicialmente non pode baixo ningún concepto permanecer no seu posto nin un minuto máis coma se tal cousa". Nese sentido, lembrou que, ademais das responsabilidades xudicial, "hai unha responsabilidade política, da que a concelleiro non se pode escapar".
Igualmente, advertiron ao alcalde, Abel Caballero, de que tampouco pode "permanecer impasible nin en silencio", e pediron tamén que se á parte das súas funcións ao xefe da área de Seguridade, e anunciou que, de non producirse eses cesamentos, presentarán unha moción urxente no pleno do próximo luns.
Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, constatou que a citación da edila socialista e do xefe de Seguridade reflicten que "hai indicios sólidos de responsabilidade municipal" en relación co "control neglixente", pola falta dun protocolo municipal de inspeccións e dunha instrución clara para ordenar o precinto desta atracción, que non reunía as condicións.
A isto súmanse, apuntaron o edil nacionalista, a "negativa reiterada" de Patricia Rodríguez a dar explicacións do ocorrido ante o Pleno, o que supón "537 días dun inaceptable silencio", ademais do bloqueo do goberno municipal á creación dunha comisión de investigación. Por todo iso, o BNG remarcou que a concelleira "debe ser cesada con carácter inmediato".
Finalmente, Pérez Igrexas confirmou que o BNG está a preparar unha moción de urxencia para presentar no pleno do luns, para esixir responsabilidades ao goberno municipal e para volver reclamar unha investigación a fondo, contribuíndo a aclarar o sucedido e definindo medidas que eviten que un suceso así poida repetirse.