Publicador de contidos
Publicador de contidos

Inhabilitan durante 14 anos por abusos sexuais un profesor da Coruña

Inhabilitan durante 14 anos por abusos sexuais un profesor da Coruña

A sentenza recolle que houbo varias ocasións en que o profesor, valéndose da súa superioridade, fixo tocamentos ás alumnas da escola Pablo Picasso

O órgano xudicial tamén o condena na sentenza ao pago de distintas multas que suman un importe total duns 45.000 euros

G24.gal 10/05/2022 14:25

O Xulgado do penal 4 da Coruña inhabilitou durante catorce anos e catro meses un profesor da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso por abusos sexuais a oito das súas alumnas. O órgano xudicial tamén o condena na sentenza ao pago de distintas multas que suman un importe total duns 45.000 euros.

A sentenza considera probado que "no desempeño do seu labor docente", o profesor "aconsellaba aos alumnos que acudisen a titorías presenciais" desenvoltas xeralmente no seu despacho e nas que realizaban correccións dos traballos.

"O acusado, ao achegarse aos seus alumnos para resolver as súas dúbidas ou darlles algunha explicación, era habitual que lles tocase as costas acariñando tanto nas titorías coma na aula", indica. Durante os cursos entre 2018 e 2021 achegábase a algunhas das súas alumnas, de modo que lles acariñaba as costas e chegaba a facerlles tocamentos, segundo a sentenza.

A avogada de sete delas relatou que as estudantes, 21 a 23 anos, "non llo contaron a ninguén" por descoñecer se iso ocorría a outras alumnas, ata que un día unha contouno en grupo e decatáronse de que había máis afectadas. Decidiron comunicalo á dirección do centro e á Consellería de Educación, e comezou un procedemento que levou o profesor ante un tribunal.

En total son nove as denunciantes, das que dúas delas estiveron representadas unicamente pola Fiscalía, e o Xulgado do penal condenou finalmente ao profesor por abusar sexualmente de oito delas.

O docente exerce na escola de arte desde 2001 e, segundo a denuncia, outras alumnas cambiáronse de centro tras ter experiencia de abusos similares. O profesor foi condenado por oito delitos de abusos sexuais, seis deles de maneira reiterada, e a varias multas, ademais de indemnizacións ás vítimas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade