Ingrid deixa máis de 400 incidencias, con refachos de vento de 163 km/h
A maioría dos problemas veñen pola presenza de árbores ou pólas na estrada, pero tamén sinistros de tráfico e contratempos na rede ferroviaria, con atrasos de ata dúas horas na alta velocidade
Alerta vermella no litoral da Coruña e Pontevedra e laranxa na Mariña con sarabia ao nivel do mar, como Vigo ou Pontedeume
A Federación Galega de Fútbol suspende toda a xornada do sábado
O temporal déixase sentir con forza desde primeira hora en todo o litoral galego, mesmo con sarabiadas a nivel do mar
A borrasca Ingrid deixou ata o momento 427 incidencias en Galicia. A borrasca mantén a costa da Coruña e Pontevedra en alerta vermella por ondas, mentres que na Mariña luguesa o nivel descendeu nas últimas horas xa a laranxa.
A provincia de Ourense, boa parte da de Lugo e o interior da de Pontevedra, en alerta laranxa por neve, e parte da Coruña e A Mariña en aviso amarelo por vento.
Segundo datos de MeteoGalicia, Galicia rexistrou nas últimas horas máis de 700 lóstregos.
Houbo refachos de 163 km/h en Cedeira e 154 km/h en Viveiro. Está habendo problemas nos aeroportos, con polo menos dous voos cancelados en Vigo.
A boia de Cabo Silleiro rexistrou unha onda de 12 metros e a de Punta Langosteira outra de máis de nove.
A borrasca deixa sarabia en zonas situadas a nivel do mar, como Vigo ou Pontedeume.
A maior parte das incidencias xestionadas están relacionadas coa presenza de árbores e pólas nas estradas (161). Séguenlles as actuacións de prevención de riscos (63), como apuntalamentos ou revisións de elementos inestables; os restos de accidentes ou obxectos na vía (47), ao mesmo nivel que os restos de cables e postes de luz (47). Ademais, contabilizáronse 61 incidencias vinculadas á circulación por neve ou placas de xeo e 16 derrubamentos.
Por provincias, o maior número de incidencias rexistrouse en Pontevedra (165) e A Coruña (161), seguidas de Ourense (63) e Lugo (37).
En canto aos concellos máis afectados, destacan na provincia de Pontevedra Vigo (30) e Pontevedra (22), seguidos de Redondela e Sanxenxo (8). Na provincia da Coruña, os municipios con máis avisos foron Ferrol (17), Narón (11) e A Coruña (8). En Ourense salientan Ribadavia (9) e Laza (6), mentres que en Lugo destaca Vilalba (3).
Incidencias destacadas relacionadas co mal tempo
En Pontevedra, a presenza de xeo na autoestrada AP9 provocou un accidente múltiple con 13 vehículos implicados.
O choque en cadea obrigou a desviar o tráfico pola N-550 e causou retencións dun quilómetro.
O sinistro ocorreu ás dez da noite deste venres no km 132 e provocou o corte total da vía ao seu paso pola cidade de Pontevedra.
Foi un dos moitos accidentes da xornada causados polo mal tempo.
Ás 14:40 horas, na PO-232, no quilómetro 6, ao seu paso por Cuspedriños, un particular informou dunha saída de vía debido á presenza de xeo na calzada, resultando ferida unha persoa.
Posteriormente, ás 17:10 horas, rexistrouse unha colisión múltiple na A-52, no quilómetro aproximado 266, no concello de Melón, causada pola saraiba. No accidente víronse implicados 8 vehículos e 5 persoas resultaron feridas leves.
Así mesmo, ás 17:25 horas, produciuse outra saída de vía na AG-46, no quilómetro aproximado 9, no concello de Moaña, tamén como consecuencia da saraiba, con 4 vehículos implicados.
Por outra banda, o 112 Galicia tamén tivo constancia de vehículos con dificultades para circular debido á presenza de xeo e neve en estradas de concellos como Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Avión, A Fonsagrada, Beariz e A Lama.
En Pontevedra, producíronse estragos na fachada do Hospital de Montecelo. Segundo trasladan desde o centro asistencial non afecta á asistencia, pero non se pode acceder por unha das portas e está o tránsito cortado por unha das rúas interiores do complexo.
Os efectos do vento deixáronse sentir en distintos puntos máis de Pontevedra, con varios farois danados e postes derrubados, con algúns delas caídos sobre a calzada. A iso súmanse chapas arrincadas da cuberta do edificio da Xunta en Campolongo.
Amais á primeira hora da mañá, ao redor das sete, a marea alta complicou o tránsito polo carril da autovía de Marín máis próximo ao mar.
No municipio de Poio, Protección Civil informou da caída dunha árbore de grandes dimensións sobre un coche. Sanxenxo foi outro dos concellos especialmente castigados polo temporal durante a madrugada, con maior intensidade nas parroquias de Noalla e Vilalonga. Os refachos, que superaron o 100 km/h na zona da Lanzada, ocasionaron danos en varias instalacións deportivas.
Ademais, en Sanxenxo producíronse avarías na iluminación pública en diversas rúas, así como o desprazamento de contedores, nunha xornada marcada polos efectos da borrasca Ingrid e pola actuación continuada dos servizos de emerxencia e mantemento.
En Vigo, o tellado dun almacén caeu sobre unha vivenda. Os bombeiros da cidade tiveron numerosas saídas ao longo da noite e á primeira hora da mañá, sobre todo por caídas de árbores e polas, desprendemento de carteis e paneis, ou de elementos de tellados, sen que se rexistraron feridos.
O forte temporal de vento complicou as cousas nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, onde mobilizaron de forma masiva aos equipos de emerxencia para atender decenas de incidentes relacionados coa caída de árbores, desprendementos de teitos e cortes de subministración eléctrica.
En Ferrol, a borrasca provocou danos na cuberta do estadio da Malata. E en Narón, rompeu parte do teito do Pazo da Cultura. A pesar diso, a instalación manterá a súa programación para esta fin de semana.
En Valdoviño a chuvia e o vento provocan desprendementos nos cantís dun dos accesos á praia da Frouxeira. Ademas stá prohibida a circulación dende a estrada que dá acceso ao faro de Meirás.
Na Coruña o temporal causou un apagamento durante a noite, debido ás treboadas. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, pediu precaución e advertiu da complicada situación que se pode vivir pola tarde coa preamar, entre as 18:00 e as 20:00, que podería levar auga e ondas mesmo "ata a praza de Pontevedra".
En Fisterra, na praia de Mar de Fóra, o servicio de Gardacostas de Galicia rescatou unha balsa salvavidas que o vento fixo caer dun mercante que navegaba pola zona.
Servizo de Gardacostas de Galicia
Incidencias nas estradas e no ferrocarril
Na área de Compostela rexistráronse dous accidentes múltiples, contra ás 8:30, cando se produciu unha forte sarabiada, que deixaron varias persoas feridas. Ocorreron na AP-9, á altura do quilómetro 69, e na AG-56, no quilómetro 6, á altura de Ames.
Incidencias nas estradas e no ferrocarril
Na área de Compostela rexistráronse dous accidentes múltiples, contra ás 8:30, cando se produciu unha forte sarabiada, que deixaron varias persoas feridas. Ocorreron na AP-9, á altura do quilómetro 69, e na AG-56, no quilómetro 6, á altura de Ames.
Segundo a última actualización da DXT, sete vías están en nivel amarelo, incluída a A-6 entre os quilómetros 431 e 419 (Pedrafita do Cebreiro-A Portela de Valcarce), coa velocidade restrinxida a 60 quilómetros por hora e prohibición de adiantar para vehículos pesados.
Tamén están en amarelo puntos das vías N-6, LU-633, A-52 e OU-536, así como cinco estradas en verde (prohibición de adiantar para vehículos pesados).
Na provincia de Lugo, está interrompido o servizo ferroviario entre Baamonde e Rábade pola caída dunha árbore. Tamén estivo interrompida a circulación entre Canabal e Os Peares (tramo Ourense-Monforte de Lemos) por unha falta de tensión en catenaria, incidencia que se solucionou pasadas as 14:00 hoas.
Respecto á alta velocidade, o temporal causa atrasos de ata dúas horas na conexión coa meseta española.
O forte vento de Ingrid está a afectar tamén o tráfico aéreo desde a noite do xoves e impediron a aterraxe de varios voos en Vigo e A Coruña, que tiveron que ser desviados a Madrid. Esta mañá non puideron despegar os voos previstos a Madrid e Barcelona desde o aeroporto de Vigo.
Os servizos de emerxencias recomendan manter a máxima precaución, evitar achegarse ao mar e seguir as indicacións das autoridades mentres continúe o episodio adverso.
Ademais, o Plan Especial ante o Risco de Inundacións en Galicia (INUNGAL) continúa activo en fase de preemerxencia.
En concreto, atópase en seguimento por subida dos caudais os seguintes ríos: Cambeda (Vimianzo), Lérez (Pontevedra) e Oitavén (Soutomaior).
Fin de semana con ambiente de pleno inverno e máis chuvia para a próxima semana
O portavoz de AEMET, Rubén del Campo, indicou que o sábado tamén será un día moi frío, pois as temperaturas baixarán aínda máis, cun ambiente de pleno inverno. En concreto, rexistraranse máximas por baixo dos 10 ºC en amplas zonas do norte, centro e leste da Península, onde haberá xeadas.
Neste día, as precipitacións volverán afectar de novo a boa parte do territorio, salvo a fachada oriental peninsular e o Val do Ebro. Con tanto frío, nevará a cotas moi baixas: duns 500 a 800 metros na metade sur e a partir de tan só uns 300 a 600 metros no norte e a zona centro. Ademais, soprará o vento con forza en zonas costeiras, leste peninsular e áreas de montaña.
Segundo o prognóstico, o domingo continuarán as precipitacións en amplas zonas do país, moitas delas aínda en forma de neve en cotas baixas. Con todo, Del Campo apuntou a que non serán tan abundantes como o día anterior. Así mesmo, as temperaturas comezarán a subir.
Para a próxima semana, o portavoz de AEMET apuntou a que é probable que continúen chegando frontes atlánticas, con precipitacións en amplas zonas do territorio, que serán máis abundantes no oeste peninsular. Á súa vez, rexistraranse nevadas en zonas de montaña e, en liñas xerais, as temperaturas serán máis altas.
A Federación Galega de Fútbol suspende toda a xornada do sábado por alerta meteorolóxica
A través de varias resolucións urxentes, os distintos comités da RFGF decretaron o aprazamento de todos os encontros previstos para o sábado, tanto de fútbol campo como de fútbol sala.
O ente que preside Pablo Prieto pide “comprensión” ante unha medida que busca “priorizar a seguridade”.
Ademais, solicitan a “máxima precaución” a todos nestas xornadas nas que o mal tempo está a resultar tan adverso.