Inditex regresa a Ucraína tras dous anos de peche pola guerra
A partir do un de abril empezará a abrir gradualmente 50 tendas no país

Inditex regresa a Ucraína tras dous anos de peche como consecuencia da guerra cun plan de reapertura gradual das súas tendas e en liña a partir do 1 de abril.
O plan irase modulando en función das circunstancias do mercado.
O grupo fundado por Amancio Ortega mantiña as súas tendas temporalmente pechadas desde o 24 de febreiro de 2022.
As primeiras tendas reabrirán na área de Kiev, con previsión de abrir a continuación tendas en Leópolis.
Atendendo ás circunstancias actuais, o grupo podería chegar a abrir ao redor de medio cento de tendas das 80 que ten no país nos próximos meses, segundo adianta Financial Times.
Así mesmo, as sete marcas do grupo retomarán a distribución de pedidos en liña no país, ao mesmo tempo que reabran as súas primeiras tendas físicas. As condicións do servizo a clientes daranse a coñecer nese momento nas plataformas online das marcas.
As mesmas fontes aseguraron que a prioridade do grupo "continúa sendo a seguridade dos seus empregados e clientes".
Desde febreiro de 2022, a compañía veu aplicando un plan especial para apoiar os seus empregados alí e as súas familias e, desde entón, garantiu o emprego e os salarios de todo o seu persoal no país.
En febreiro de 2022, Inditex doou 3 millóns de euros para apoiar a poboación e, especialmente, os refuxiados, a través de ACNUR. Contribúe tamén coa doazón local de pezas e, así mesmo, oferta postos de traballo na súa filial de Polonia a persoas desprazadas desde Ucraína.