Rusia lanza un bombardeo masivo contra Kíiv en resposta ao ataque a San Petersburgo
A capital ucraína é obxecto desde hai case un mes de ataques diarios
(Reuters/Valentyn Ogirenko)
O exército ruso lanzou este luns un ataque masivo contra a capital ucraína, Kíiv, e a súa rexión adxacente, en resposta ao realizado polos ucraínos o domingo contra a segunda cidade rusa, San Petersburgo.
Segundo o Ministerio de Defensa ruso, o bombardeo tivo como obxectivo empresas da industria militar, almacéns de mísiles de cruceiro e drons, e tamén centros de datos na capital do país veciño e os seus arredores.
No ataque empregouse tanto armamento de alta precisión de emprazamento terrestre como aparellos non tripulados, sinala o parte de guerra matutino.
Kíiv é obxecto desde hai case un mes de ataques diarios por parte da aviación rusa, que buscaría obrigar o presidente ucraíno Volodimir Zelenski a capitular.
San Petersburgo e a rexión de Leningrado foron escenario o domingo dun bombardeo masivo con drons que alcanzou dúas terminais de petróleo, centros de datos, almacéns de comercio electrónico, unha subestación eléctrica e infraestrutura diversa, cun saldo dun morto e unha decena de feridos.
O Kremlin e a televisión rusa intentaron restar importancia ao ataque, aínda que a prensa independente o considerou o maior de toda a guerra contra a cidade natal do presidente Vladimir Putin.