Incautados 75 quilos de polbo na Guarda coa veda xa iniciada
Gardacostas de Galicia realizou dous operativos similares a finais de marzo e a inicios de abril, tamén no litoral da Guarda
A veda do polbo arrancou o 1 de maio e prolongarase durante tres meses
Imaxes de Gardacostas de Galicia
Gardacostas de Galicia comisou 75 quilos de polbo e 430 cacharros de plástico con 4.000 metros de cabo. Fíxoo a cinco millas ao oeste da Guarda (Pontevedra), onde levou a cabo varios operativos similares nos últimos meses.
Esta incautación, da que informou a través das súas redes sociais, produciuse coa veda do polbo iniciada. Unha parada que arrincou o pasado venres, 1 de maio, e que se vai prolongar durante tres meses.
"O furtivismo é grave sempre, pero en época de veda, aínda máis!", critica Gardacostas de Galicia .
Imaxe de Gardacostas de Galicia
O buque Sebastián Ocampo, pertencente a este servizo da Consellería do Mar, foi o encargado de executar este operativo, que se suma a outros realizados recentemente no marco da loita contra o furtivismo.
A finais de marzo, Gardacostas incautou outros 480 cacharros, 155 nasas sen identificar e 84 quilos de polbo; e, a inicios de abril, 200 cacharros e 57 exemplares de menos de 100 gramos. Todo na costa da Guarda.
🐙 Coa veda do polbo xa iniciada, o buque Sebastián Ocampo comisou a 5 millas ao oeste de A Guarda:
— Gardacostas Galicia (@GardacostasGal) May 3, 2026
▶️ 430 cacharros de plástico
▶️ con 4.000 metros de cabo,
▶️ e incautou 75 quilos deste cefalópodo
🚫 O furtivismo é grave sempre, pero en época de veda, aínda máis! pic.twitter.com/IdFQjXghhT