Identificado por catro incendios en Rois un veciño que xa fora detido en 2024 por outro lume
Os catro incendios en Rois queimaron unha superficie de 2,3 hectáreas de monte arborado nas parroquias de Augasantas e Leroño
No que vai de campaña, hai 13 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais
Rosa Veiga/ EuropaPress
Un veciño foi identificado como presunto autor dun incendio e tres conatos rexistrados no municipio coruñés de Rois.
Nun comunicado, a Xunta informa de que axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica (UPA) identificaron esta persoa, que xa fora detida en 2024 por causar outro incendio forestal.
O atestado remitiuse ao xulgado de garda de Padrón. Estes catro lumes en Rois queimaron unha superficie de 2,3 hectáreas de monte arborado nas parroquias de Augasantas e Leroño.
Nas tarefas de extinción participaron medios da Consellería do Medio Rural. No que vai de campaña, hai 13 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais.