Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia de Madrid mantén o xuízo con xurado contra Begoña Gómez por dous delitos

A Audiencia de Madrid mantén o xuízo con xurado contra Begoña Gómez por dous delitos

Será xulgada por tráfico de influencias e malversación; os maxistrados retíranlle as acusacións de corrupción de negocios e apropiación indebida atribuídas por Peinado e devólvenlle o pasaporte

Ordenan ademais que continúe o procedemento con xurado contra a asesora de Gómez, Cristina Álvarez

Moncloa insiste en falar dunha "causa política" e o PSOE dunha "cacería obscena" contra a muller de Pedro Sánchez

Arquivo/EduardoParra/Europa Press Arquivo/EduardoParra/Europa Press
G24.gal 16/07/2026 13:36

A Audiencia Provincial de Madrid ordenou que se continúe o procedemento de xuízo con xurado contra Begoña Gómez, muller do presidente do Gobierno, por dous delitos, tráfico de influencias e malversación. Aprecian "indicios racionais de criminalidade".

"Parece perfectamente verosímil soster (...) que a investigada logrou o influxo despregado desde a súa privilexiada posición de esposa do presidente do Goberno, non só para lograr a concesión da cátedra (na Universidade Complutense), senón para facelo de forma case inmediata e sen verificar un mínimo control sobre a consistencia do proxecto proposto, e que ademais recaese nela a condición de directora, a pesar de non ser posible", sosteñen os xuíces.

Aquí citan a sentenza do caso Nóos, que condenou a Iñaki Urdangarin, exmarido da infanta Cristina, para sinalar que "a soa relación de parentesco por vínculo matrimonial coa máis alta autoridade do Gobierno da nación, en determinados contextos e circunstancias, como os aquí analizados, pode comportar unha presión moral eficiente a efectos de conformar o delito de tráfico de influencias".

Os maxistrados, pola contra, sobreseen as outras dúas acusacións formuladas polo xuíz Juan Carlos Peinado: as de corrupción nos negocios e apropiación indebida.

No auto, difundido ese xoves, a Audiencia de Madrid contradí o criterio do xuíz para atribuír a Gómez o delito de corrupción nos negocios:

"Os indicios expostos non permiten concluír que as empresas implicadas realizasen pagos privados, concedido vantaxes específicas ou abonado retribucións inxustificadas a favor de Begoña Gómez ou Cristina Álvarez, nin que tales beneficios condicionasen de forma efectiva un favorecemento indebido no ámbito do tráfico económico".

Para a Audiencia de Madrid, non hai "indicios suficientemente verosímiles de que as persoas investigadas percibisen dádivas, presentes ou vantaxes económicas, directas ou indirectas, carecedoras de xustificación no marco da actividade desenvolvida pola cátedra".

Para que exista o delito de corrupción nos negocios, a Audiencia manifesta que debe existir "unha relación de causalidade directa entre a vantaxe indebida e o favorecemento outorgado nunha concreta operación económica", algo que "non se aprecia co grao de verosimilitude exixible na presente causa".

Ademais, a Audiencia sostén que o delito de apropiación indebida non se pode sustentar "sobre un ben intanxible ou inmaterial", como sería o caso dun software, e que ademais debe cometerse "sobre patrimonios privados e por persoas que non teñen a condición de funcionarios públicos".

É este último argumento, segundo a Audiencia, o que xustifica enviar a Gómez e a Álvarez a xuízo polo delito de malversación e non polo de apropiación indebida.

Ao cambiar substancialmente o escenario de imputación -xa non se acusa ás mesmas persoas dos mesmos delitos-, o tribunal argumenta que o proceso non se pode soster cos escritos de conclusións ou trámites realizados co esquema anterior.

É dicir, a Sala considera que Peinado debe retrotraer as actuacións ao momento anterior á apertura de xuízo oral e elaborar un novo auto para envialas ao xuízo acomodándose aos novos delitos que se lles imputan

Continúa o procedemento con xurado contra a asesora de Gómez

No auto, os maxistrados ordenan ademais que se continúe o procedemento con xurado contra a asesora de Gómez, Cristina Álvarez, só por un presunto delito de malversación de fondos públicos.

A Audiencia Provincial estima así parcilamente os recursos presentados pola Fiscalía e as defensas. Levanta ademais as medidas cautelares que impuxo o xuíz Juan Carlos Peinado a Begoña Gómez, muller do presidente do Gobierno, e a súa asesora, ao descartar o risco de fuga que apreciaba o maxistrado. Ambas recuperan o pasaporte. Iso si, "sen prexuízo de que estean localizadas en todo momento".

A Audiencia separa do procedemento do xurado a Barrabés, contra o que se seguirá a investigación nun procedemento abreviado no relativo á legalidade ou ilegalidade das adxudicacións de contratos públicos. 

A Sala retira as medidas cautelares decretadas contra Begoña Gómez e Cristina Álvarez, consistentes na prohibición de saír de España, a entrega do pasaporte e a obrigación de asinar cada quince días ante a autoridade xudicial aínda que o tribunal establece que ambas deben estar localizadas en todo momento e notificar calquera cambio de domicilio e paradoiro.

Moncloa insiste en falar dunha "causa política" e o PSOE cre que é unha "cacería obscena"

 O Goberno reiterou este xoves que existe unha "causa política" aberta contra Begoña Gómez, a esposa do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, en cuxa inocencia insiste tras a decisión da Audiencia Provincial de Madrid de manter o xuízo con xurado contra ela.

"Begoña Gómez é inocente", proclaman fontes de Moncloa respecto a este procedemento á vez que lembran os argumentos do Executivo sobre unha instrución que atribúen a unha causa política orixinada a partir dunha "denuncia falsa" e que ademais está baseada en "noticias falsas".

Neste sentido, as fontes apuntan que a "única motivación" que existe tras este procedemento é "o acoso e a persecución á muller do presidente do Goberno".

​​​Pola súa banda, o PSOE defende que Begoña Gómez "é inocente" e cre que sofre unha "cacería política obscena".

Así, a secretaria de Organización, Rebeca Torró, fixo fincapé en que a causa se foi reducindo e agora só lla acusa de dous presuntos delitos.

"Nin cinco nin dous nin ningún, Begoña Gómez é inocente e repetirémolo as veces que faga falta", salientou, tachando a causa de "cacería política obscena". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade