Os bombeiros atopan o cadáver dun home durante a extinción dun incendio nun alpendre da Baña
Na casa habitaban unha nai co seu fillo. A señora estaba fóra da vivenda, pero non así o fillo, que aínda non fora localizado cando chegaron os bombeiros
Unha persoa faleceu nun incendio rexistrado no concello da Baña. Segundo o 112 o sinistro tivo lugar ás 3:50 da madrugada.
O lume destruíu o alpendre que outrora foi unha carpintaría. Os Bombeiros de Santa Comba atoparon o cadáver dun home cando comezaban coas labores de extinción dun incendio, que preto das catro desta madrugada iniciouse nun cuberto anexo a unha vivenda situada no Sino, no concello coruñés da Baña.
Segundo explicaron os veciños a través das súas chamadas ao 112 Galicia, nesa casa habitaban unha nai co seu fillo. A señora estaba fóra da vivenda, pero non así o fillo, que aínda non fora localizado.
Máis tarde, o equipo de extinción atopou o corpo sen vida dun home no interior do cuberto en chamas. O lume queimou todo o interior, onde aínda gardaban maquinaria propia da carpintaría. Ademais, colapsou o teito sen que a vivenda lindeira sufrise danos.
A maiores dos bombeiros, desde o 112 Galicia, solicitouse a asistencia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pois a muller necesitou axuda médica. Tamén acudiron os axentes da Garda Civil.