Identificado nun cárcere alemán o agresor sexual dunha nena de 10 anos en Lugo, filla da súa parella
Identificado nun cárcere alemán o agresor sexual dunha nena de 10 anos en Lugo, filla da súa parella
A colaboración das policías dos dous países permitiu identificar plenamente o agresor
Os feitos ocorreron en 2019
Resólvese un caso de agresión sexual cometida en 2019 en Lugo contra unha menor de 10 anos.
O autor dos feitos era a parella sentimental naquel entón da nai da vítima e foi localizado en Alemaña, onde se atopa en prisión cumprindo condena por outros delitos. No seu día, o home aproveitou a súa situación de convivencia no domicilio común para cometer os feitos.
Os proxenitores da menor denunciaron cando tiveron coñecemento dos feitos.
Con todo, o agresor xa abandonara o domicilio e lograra eludir a acción da xustiza valéndose dunha identidade falsa, que era a única coa que operaba en España e a que coñecía a súa parella.
Os axentes da Policía Nacional realizaron un labor de investigación mediante diversas inspeccións técnico-policiais e recollida de vestixios e mostras biolóxicas do autor.
No seu momento, a análise destas evidencias non lanzou coincidencia algunha, quedando as mesmas latentes nas bases de datos, pero o caso mantívose aberto.
"É unha cuestión de tenacidade. De seguir e perseguir", di Manuel Mella, da brigada provincial da Policía Científica de Lugo.
A Policía Nacional logrou o esclarecemento dos feitos grazas á colaboración policial internacional.
A través de instrumentos como o Tratado de Prüm, que permite o intercambio de pegadas e perfís xenéticos entre países, conseguiuse identificar plenamente o autor.
"Puxémonos mans á obra e no lugar dos feitos recollemos probas de ADN e impresións dixitais. Na comisaría démoslle o tratamento adecuado, enviamos as probas aos laboratorios, metemos as probas no AVIS e ao principio non deron froito. Pero co paso do tempo recibimos a chamada dende Prüm, a cooperación internacional, que nos indican que hai un perfíl xenético que coincide plenamente", conta Manuel.
O individuo identificado atópase actualmente en prisión en Alemaña, cumprindo condena por outros delitos.
"Esa persoa estaba detida por un delito de tráfico de drogas e homicidio. Unha persoa perigosa".
Confirmado polas probas que é o autor da agresión sexual pero descoñecida a súa identidade. Suponse que é de orixe albanesa que se movía por toda Europa con nomes falsos.
"É algo habitual que unha filiación non se corresponda cunha persoa. Esta en concreto cometía todas as falcatruadas baixo nome falso", di Manuel Mella.