Ian Gibson reafirma en Santiago a vixencia do legado de Lorca
"Lorca hoxe é cósmico; é o desaparecido máis famoso do mundo"
O grande éxodo de Ucraína faino pensar no do final da Guerra Civil española
Os alumnos do Instituto Rosalía de Castro de Santiago recibían a Ian Gibson cun intenso aplauso. O recoñecido hispanita irlandés di que sente esta calor cada vez que vén por aquí.
"Sempre pensei que había unha irmandade entre Galicia e Irlanda e cada vez que vin aquí sentino. Algo hai que nos une"
Veu falar de Lorca e Galicia xusto no mesmo lugar en que falara o escritor granadino hai 90 anos, na visita que fixo a Galicia e na que compuxo os seis poemas galegos. Pero nun contexto bélico coma o actual, Gibson destacou a vixencia e o simbolismo de Lorca.
"Porque a mensaxe de Lorca é amor ao próximo, é fraternidade e compadecer aos que sofren. A súa obra é moi importante a nivel mundial e deberiamos saber onde está, onde están os restos".
O grande estudoso da historia recente de España, di que o éxodo de Ucraína fai que lembre a nosa Guerra Civil e recoñece que, pese ao seu pacifismo, desexa a fin de Putin como sexa.
"Como podemos parar un tolo fanático?, pero é terrible ver o sufrimento e fíxome pensar na diáspora deste país ao final da guerra".
A conferencia de Gibson abría as xornadas 'Diálogo e concordia' organizadas pola Asociación Cultural Casino de Santiago con actividades ata o próximo sábado.