Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hong Kong detén a venda de ostras dunha empresa galega por intoxicación

Hong Kong detén a venda de ostras dunha empresa galega por intoxicación

Tamén interrompeu a subministración dunha procesadora surcoreana e de dúas plantas locais

As autoridades vinculan o consumo deste marisco con 37 casos de intoxicación rexistrados na cidade

 

 

G24.gal 14/02/2026 08:32 Última actualización 14/02/2026 09:52

As autoridades de Hong Kong ordenaron a suspensión inmediata da importación e venda de ostras crúas producidas pola procesadora do Grove Mariscos Escacha, tras vincular parte dun gromo de intoxicación alimentaria na cidade co consumo deste marisco.

A medida, ordenada polo Departamento de Hixiene Alimentaria e Ambiental (FEHD), afecta o molusco procedente da instalación con código 12.04628/PO e esíxelle aos operadores deixar de usalo ou comercializalo de xeito inmediato, segundo medios locais.

A instrución apóiase na investigación de 37 casos de intoxicación rexistrados entre o 1 e o 12 de febreiro, asociados ao seu consumo en diferentes restaurantes.

Equipos do Centro para a Seguridade Alimentaria (CFS) inspeccionaron os locais implicados, revisaron as súas prácticas de manipulación e conservación e rastrexaron os lotes servidos para determinar a súa procedencia.

Outras procesadoras implicadas

As pescudas revelaron tamén que 13 dos casos estaban relacionados con ostras fornecidas por outra planta, a surcoreana Seojun Mulsan Co., polo que ordenaron a suspensión da súa importación e venda na rexión o pasado día 5.

Outros 15 casos asociáronse a produtos distribuídos polas empresas locais Jeton International Foods e 88 Investment Holdings Limited, ás que se ordenou, un día despois, deter de inmediato a subministración.

En resposta ao reponte de gromos, o FEHD puxo en marcha entre o 6 e o 12 de febreiro operacións especiais, con inspeccións a máis de 1.200 establecementos que serven estes moluscos en toda a urbe.

O funcionariado verificou temperaturas de almacenamento, condicións de refrixeración específica, orixe das subministracións, hixiene do persoal e da contorna, así como a existencia de certificados sanitarios e documentación de rastrexabilidade.

Así mesmo, ofreceron asesoramento inmediato e recolleron mostras para a súa análise de laboratorio.

Acumulación de bacterias

As autoridades lembran que as ostras aliméntanse filtrando grandes volumes de auga de mar e poden acumular bacterias como Vibrio parahaemolyticus e Vibrio vulnificus, ademais do norovirus ou a hepatite A, cando se crían ou colleitan en augas contaminadas.

O consumo destes moluscos sen unha cocción completa conleva un risco directo de inxestión de patóxenos, polo que se recomenda a embarazadas, menores, persoas maiores e pacientes con defensas diminuídas ou enfermidades hepáticas que eviten comelos crus.

O norovirus está especialmente activo no inverno e caracterízase por unha alta capacidade de contaxio. A infección cursa habitualmente con náuseas, vómitos, diarrea, dor abdominal, febrícula e malestar xeral.

O CFS notificoulle a situación ás autoridades españolas e continuará coas investigacións, mantendo o contacto coa industria para aplicar novas medidas se fosen necesarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar