Publicador de contidos
Publicador de contidos

Homenaxean unha veciña da Bola, pioneira ao volante

Homenaxean unha veciña da Bola, pioneira ao volante

Foi unha das primeiras mulleres en quitar o carné de conducir en Ourense e converteuse en todo un referente na comarca de Celanova, onde lles fixo de taxista, de balde, aos veciños da zona

Julia Vázquez Álvarez, de 82 anos, é a protagonista do mes na campaña pola Igualdade da Deputación de Ourense

G24.gal 09/01/2025 20:14 Última actualización 09/01/2025 20:57

Sesenta e catro anos leva Julia vivindo nas Mamoelas, moi pretiño do alto do Furriolo. Foi para alí ao casar e alí quedou cando o seu home emigrou a Suíza. "Fíxenme cargo do meu sogro, da tía, dos nenos, do traballo... E que ía facer?", explica.

Soa, nunha aldea illada e ao cargo dunha recua, non lle quedou outra que quitar o carné de conducir.

"Deume moita liberdade, moita vida. Ía a Celanova e levaba os velliños todos que había na estrada, ata sete persoas, mentres cabían...", explica Julia.

Ela é a referente deste mes nunha campaña da Deputación de Ourense pola Igualdade. Só hai que escoitar as súas historias.

"Dábame vergoña, porque era a única muller na autoescola. Os outros condutores tratábanme mal. Dicían: 'Ala, aí vai unha muller!', pero eu non quedaba atrás, eu pisáballe. O meu home e meu irmán puxéronme un taco debaixo do acelerador para que non puidese pisar, pero díxenlles: 'Se non o quitades, eu non subo máis no coche. E quitárono", conta entre risas.

Hoxe fixo unha excepción, pero hai sete anos que non conduce por problemas de saúde.

"Agora vou de paquete sempre, pero ás veces aínda freo!", ri.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade