Hijos de Rivera pechou 2024 con 95 millóns de beneficio, un 11,2 % menos que en 2023
A corporación gañou menos en 2024, malia que vendeu un 4,6 % máis de cervexa que no exercicio anterior
Rivera achacou o descenso ao investimento na fábrica de Morás e ao gasto en persoal
"Non queremos ser os máis vendidos, senón ser diferentes aos demais", di o presidente executivo, Ignacio Rivera

A Corporación Hijos de Rivera pechou 2024 cun beneficio despois de impostos de 95 millóns de euros, un 11,2 % menos que en 2023, a pesar de vender máis litros de cervexa (544 millóns de litros, un 4,6 % máis) e de auga (237 millóns de litros, un 3 % máis).
Na presentación de resultados de 2024 que se celebrou este martes no Museo de Estrella Galicia (MEGA) na Coruña, o presidente executivo da Corporación Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, detallou que a compañía chegou aos 886 millóns de euros de facturación, un 6,9 % máis que o ano anterior.
Rivera achacou o descenso nos beneficios ao investimentos que o grupo tivo que realizar tras montar unha segunda fábrica en Morás (Arteixo) e ao gasto en persoal, despois de incrementar o número de traballadores dos 1.800 aos 2.044.
O presidente executivo afirma que foi "un ano intenso en todos os ámbitos"; recoñece que as vendas baixaron "un pouquiño" e que o seu obxectivo é "seguir crecendo".
"Non queremos ser os máis vendidos, senón ser diferentes aos demais"
Explicou que a internacionalización "segue sendo un eixe estratéxico". A intención é que o volume de vendas ao exterior pase do 10 % actual ao 30 %, pero sen perder de vista o mercado nacional.
"Seguimos pensando que temos que crecer, que somos unha corporación que aínda temos percorrido no mercado nacional, pero non é crecer por crecer. Sempre queremos diferenciarnos dos nosos competidores a nivel nacional", sostén.
Lembrou que son o cuarto operador en España, "unha formiga no mundo" e non queren que o crecemento lles faga perder a súa esencia: "Non queremos ser os máis vendidos senón ser diferentes aos demais; por iso preocúpanos o crecemento no mercado nacional".
Tamén se manteñen fieis á orixe, do que senten "orgullosísimos", e por iso apostaron por "seguir cociñando" en Galicia en lugar de atender os consellos de asesores que lles suxerían unha segunda fábrica no centro ou o sur da península ibérica.
De cara ao futuro, Rivera apuntou ao lanzamento de bebidas non alcohólicas, focalizarse en Europa, América e explorar Asia, e avanzar con "sentidiño e ambición" co obxectivo de dobrar a cifra da facturación de aquí a 2030.