Hidalgo fala de urxencias: "Temos que sumar de tres en Almería, úrxenos gañar"
O técnico do Deportivo incide: "Temos que seguir mantendo a enerxía na nosa primeira liña de presión. Ser sólidos e compactos"
Ximo Navarro segue á espera de recuperar "confianza"
Antonio Hidalgo é ambicioso. Así o deixa claro na súa comparecencia previa ao partido deste sábado en Almería.
"A dinámica de puntos nas últimas xornadas non é boa. O empate contra o As Palmas ten un valor grande porque é contra un rival que está a loitar polo mesmo que nós. Pero temos que cortar ese refacho e ir a Almería a polos tres puntos. Sería fundamental, contra un rival da zona alta, e daríanos ese plus de motivación para o futuro".
"Temos que sumar de tres. O colchón de puntos co sétimo clasificado foise diluíndo aos poucos. Temos que volver gañar partidos. Logo, os encontros van como van, e cando xogas contra rivais que loitan polo mesmo que ti tamén é importante non perder"
"Pero nós temos unha situación que nos urxe gañar. O Almería ten moitísimo potencial. Ten un adestrador que traballa moi ben e que lle dá diferentes matices aos seus partidos", explica.
O adestrador do Deportivo recoñece que varios dos seus futbolistas están aínda fatigados polo esforzo do martes, pero saca lecturas positivas do duelo ante o Atlético en Copa.
"O partido do outro día reforza moito ao equipo polo que mostrou e como competiu ante un gran rival. Pero é pasado. Agora hai que descansar o máximo que poidamos para o sábado, ante un rival da zona alta, que está a competir polo mesmo que nós. Vai ser un partido moi igualado e por iso é importante recuperar á xente".
"Esa enerxía témola que seguir mantendo na nosa primeira liña de presión. Ser sólidos e compactos. Iso tennos que marcar un pouco o camiño. O sábado temos un partido no que temos que estar moi concentrados os noventa minutos"
Ximo Navarro segue á espera de recuperar "confianza", porque sae dunha lesión, así que a súa volta é unha incógnita, a pesar de ter a alta médica.