Hamas pospón ata novo aviso o intercambio de prisioneiros deste sábado
Acusa a Israel de violar o acordo de cesamento do fogo

O brazo armado de Hamas, as Brigadas al Qasam, anunciou este luns que non se producirá un intercambio de reféns israelís por presos e detidos palestinos este sábado, 15 de febreiro, debido ás "violacións do inimigo" israelí dos termos do acordo de cesamento do fogo.
"En consecuencia, a entrega dos prisioneiros sionistas que ían ser liberados o vindeiro sábado 15 de febreiro de 2025 pospoñerase ata novo aviso", dixo o voceiro do grupo islamista Abu Obeida nun comunicado.
No texto, Obeida explica que desde o inicio do acordo de cesamento do fogo, Hamas estivo observando as violacións do inimigo e o seu incumprimento dos termos, e pon como exemplos o atraso na data na que os gazatís puideron regresar ao norte do enclave, que debería suceder o día 7 do acordo, pero que Israel atrasou cinco días ata a liberación da refén Arbel Yehud, o pasado 30 de xaneiro.
Ademais, Hamas tamén enumera como un factor determinante os ataques e bombardeos que se seguiron producindo na Franxa de Gaza e que mataron polo menos unha trintena de persoas, a pesar do acordo de cesamento do fogo, e mais a lenta entrada de "subministracións de socorro de todo tipo".
"En todas as súas formas, como se acordou, a resistencia cumpriu con todas as súas obrigacións", concluíu Obeida, que urxiu a Israel a que "compense retroactivamente" os erros das últimas semanas e cumpra coas súas obrigacións.
Pola súa banda, o ministro israelí de Defensa Israel Katz cualificou a resposta adoptada por Hamas como unha "violación flagrante do cesamento do fogo" e instruíu o Exército para manterse nun alto nivel de alerta na Franxa de Gaza.
Ata o momento Hamas liberou 21 reféns con vida a cambio duns 800 presos e detidos palestinos nun total de cinco intercambios.