Catro detidos nos incidentes de Bilbao tras a chegada dos activistas da flotilla
Un grupo de persoas esperaban aos seis membros da delegación vasca da flotilla propalestina e axentes da Ertzaintza fixeron uso das súas porras
A Xefatura de Asuntos Internos da Ertzaintza iniciou unha investigación para verificar se a actuación dos axentes se axusta ás instrucións en vigor
A Ertzaintza detivo a catro persoas no aeroporto de Bilbao no transcurso dos incidentes rexistrados á primeira hora desta tarde nas súas instalacións á chegada dos activistas da delegación vasca da Global Sumud Flotilla a Gaza.
Segundo o Departamento vasco de Seguridade, a Xefatura de Asuntos Internos da Ertzaintza iniciou unha investigación para verificar se a actuación dos axentes se axusta ás instrucións en vigor.
No aeroporto, un grupo de persoas esperaban aos seis membros da delegación vasca da flotilla propalestina, axentes da Ertzaintza fixeron uso das súas porras e detiveron a catro persoas por desobediencia grave, resistencia e atentado a axente da autoridade.
Os activistas da delegación vasca da Global Sumud Flotilla chegaron preto das dúas da tarde procedentes de Turquía ao aeroporto situado na localidade biscaíña de Loiu.
Nas instalacións do aeroporto de Loiu (Bizkaia), permanecían desde as 11.00 horas compañeiros dos activistas para darlles a benvida.
O seu regreso estaba inicialmente previsto para o día de onte, pero atrasaron a viaxe debido ao ingreso hospitalario de dous deles polas lesións sufridas despois de ser capturados polas forzas israelís cando se dirixían á Franxa de Gaza con axuda humanitaria.
Goberno vasco
O conselleiro vasco de Seguridade, Bingen Zupiria, lamentou "a situación creada no aeroporto de Loiu (Biscia)" durante a chegada de membros da Global Sumud Flotilla.
A través dun comunicado, o Departamento de Seguridade asegurou que a chegada ao aeroporto dos activistas non fora comunicada á Ertzaintza, así como que coincidiu coas chegadas e a saídas dos afeccionados aos partidos das finais de rugby que se celebran esta fin de semana en Bilbao.
Seguridade sinalou que o comportamento dalgunhas das persoas concentradas que esperaban os activistas "obstaculizou a normal circulación de persoas que abandonaban a zona de saídas do aeroporto" e agregou que ademais protagonizaron enfrontamentos con axentes da Ertzaintza, que fixeron uso dos bastóns regulamentarios.
O departamento xa informou da actuación policial á Comisión de Control e Transparencia da Policía do País Vasco e Zupiria solicitou unha comparecencia urxente ante a Comisión de Institucións, Gobernanza Pública e Seguridade do Parlamento Vasco para dar as explicacións necesarias que, previsiblemente, desenvolverase o vindeiro martes.
Reacción Israel
O Ministerio de Asuntos Exteriores israelí ironizou e lanzou un dardo ao Gobierno español tras os incidentes policiais rexistrados hoxe no aeroporto de Bilbao (norte de España) á chegada dos activistas da Global Sumud Flotilla, que previamente denunciaran malos tratos en Israel.
"Esiximos unha explicación do Goberno español sobre o seu trato aos anarquistas da Flotilla", escribiu a conta de Exteriores israelí en X con ton sarcástico, despois da polémica internacional desatada pola súa detención dos activistas en augas internacionais e polas burlas do ministro de Seguridade Nacional israelí, Itamar Ben Gvir, días atrás cara aos detidos.
We demand an explanation from the Spanish government regarding its treatment of the flotilla anarchists pic.twitter.com/k2bbkKq7tm
— Israel Foreign Ministry (@IsraelMFA) May 23, 2026