Hai 25 anos que A Coruña entraba no selecto grupo de sete cidades con título de Liga
Un 19 de maio de hai 25 primaveras, o Deportivo gañaba o título de Liga
Hai tempo que os faros non iluminan camiños de gloria na Coruña. Nin as prazas nin os campos gardan case ecos do episodio que un 19 de maio de hai 25 primaveras fixo do Deportivo un grande entre os grandes.
Os precedentes da festa non eran bos e seguía aberta a ferida do 94 cando o Dépor quedou ás portas co penalti de Djukic tras o agoniado laio de Arsenio Iglesias.
Seis anos despois, con Jabo Irureta no banquiño, o Deportivo comparecía nunha última xornada de liga con opcións ao título e con Barça e Zaragoza a tres puntos. Todo dependía de últimos 90 minutos de campionato. Augusto César Lendoiro lembraba aquela xornada histórica coa cidade envorcada, eufórica e convencida; a medio camiño entre a esperanza da maioría e o medo a outro deprimente tropezo duns poucos.
O fútbol esta volta quixo ser agradecido e os goles chegaron contra o Español, un por cada banda e bancada. Córner ensaiado entre Víctor e Donato e cabezada do hispano brasileiro que puña o partido de cara. A seguir, o segundo, balón dende a dereita de Manuel Pablo e o gol de Makaay que deixaba a Liga no papo.
O xogo deu paso á festa rachada en Riazor e nas rúas dunha Coruña que entraba no selecto grupo de sete cidades con título de Liga e cun equipo entre os únicos nove campións do torneo regular.
Foi o principio dun ciclo máxico de cinco anos, un plan quinquenal como lle gusta chamar a Lendoiro e que tivo o Dépor cinco anos na Champions, dúas veces subcampión de Liga, tres terceiros postos e un Centenariazo de Copa como guinda do pastel.
Recordar é vivir cantan os clásicos e, celebrada agora con actos máis ben modestos aquela liga do dous mil do fútbol galego, o deportivismo vive hoxe un día de orgullo de cando foron os mellores, pero coa sensación inequívoca de que calquera tempo pasado, desta volta si, foi sempre mellor.