Un Friburgo moi superior (1-3), remata co soño europeo do Celta
Matanovic e Suzuki resolveron a eliminatoria no primeiro tempo
O primeiro disparo do Celta entre os tres paus chegou no minuto 68
O Celta céntrase na Liga para apurar as opcións que ten de xogar en Europa a próxima tempada
Foto EFE
O RC Celta de Vigo enfrontábase ao SC Freiburg en Balaídos cun reto de dimensións épicas: remontar o 0-3 da ida para seguir vivo na Europa League.
O equipo de Claudio Giráldez apelou o ambiente de Balaídos e á fe nunha noite máxica, desas que forman parte da historia celeste. A afección fixo o seu, cun estadio entregado que buscará empurrar desde o primeiro minuto.
En fronte, un Friburgo sólido, perigoso ao contragolpe e que chegou coa eliminatoria moi de cara tras dominar con claridade na ida.
O Celta necesitaba intensidade, acerto e un inicio forte que lle permitise crer. Así saíron os de Giráldez pero sen crear ocasións. De feito, a primeira foi dos xermanos cun lanzamento lonxano de Manzambi.
Non chegaban as oportunidades pero o Friburgo aproveitou a súa. Golazo de Matanovic no minuto 32 e tras a revisión do VAR.
Xa estaba a eliminatoria complicada pero púxose peor con 0-2. Tanto de Suzuki no minuto 38 tras un erro de Fer López.
Con este resultado chegouse ao descanso. O Celta non tirou unha soa vez entre os tres paus.
O reinicio comezou con catro trocos de Giráldez. Entraron Aspas, Carreira, Williot e Jones. Quedaron no vestiario, Borja Iglesias, Moriba, Javi Rueda e Yoel Lago.
Non pasaron nin catro minutos e un Friburgo moi superior volvía marcar. Novo erro de Fer López que volve aproveitar Suzuki para facer o 0-3
O encontro non variou en nada. O Celta trataba de chegar sen éxito á porta xermana e o Friburgo era letal no contragolpe. No minuto 57 Scherhant tiraba ao pau.
A mellor oportunidade do Celta chegou no minuto 65 cun disparo seco que case chega á porta. O lanzamento foi de Fer López, bastante errático no encontro. A primera parada en toda a eliminatoria do Celta foi a 20 minutos do final. Aconteceu nun man a man entre Jones e Atubolu que resolveu o porteiro alemán. Non foi o único duelo entre os dous. Habería outro man a man que volveu resolver con tino Atulobu.
Os de Giráldez mereceron marcar algún gol e este chegou co tempo cumprido co tanto de Williot 1-3.
Así acabou o partido e a eliminatoria, cun 6-1 no total para os xermanos. O Celta non puido facer nada ante un gran Friburgo pero aínda ten opcións de xogar en Europa a próxima tempada. Agora debe centrarse na liga. O próximo rival será o FC Barcelona no Camp Nou