O Celta e a afección, soñan cunha remontada memorable ante o Friburgo
A cidade está ilusionada co equipo e con poder facer historia. Balaídos estará cheo
O Celta conxúrase para asinar unha remontada épica ante o Friburgo e lograr, por segunda vez na súa historia, o pase ás semifinais da liga Europa, un soño que se complicou hai unha semana na cidade alemá co 3-0 ante o conxunto dirixido por Julian Schuster.
O peor partido da tempada chegou no peor escenario posible, o Europa-Park Stadion. O equipo de Claudio Giráldez apenas pisou a área rival, sufriu para atopar contragolpes decisivos e só disparou dúas veces á portería rival.
O golpe foi tremendo, o máis duro da ‘era Giráldez’. E o peor é que, tres días despois, o Celta asinou outra pobre actuación en Liga ante o pechacancelas Oviedo. A goleada asturiana acendeu as luces de alarma en Balaídos, sobre todo pola fraxilidade defensiva exhibida desde a ausencia do sueco Carl Starfelt: 12 goles recibidos en 4 partidos. O celtismo, a pesar de todo, soña cunha noite histórica, alimentada polo discurso do seu adestrador.
“Eu creo na remontada; o que non crea, que non veña a Balaídos”, dixo Giráldez tras o trompazo ante o Oviedo.
O Celta cítase coa historia porque nunca remontou unha desvantaxe de tres goles nunha eliminatoria europea e só unha na Copa do Rei. Pero os seus afeccionados, á conclusión do último encontro ligueiro, lembráronlle outras fazañas históricas: a remontada ao Aston Villa en Villa Park con goles de Juan Sánchez, Mostovoi e Penev; a goleada (4-0) ao Juventus de Carlo Ancelotti e Zinedine Zidane despois de caer en Turín; ou o inesquecible 7-0 ao Benfica. Giráldez terá saírse do seu guion habitual para sorprender ao Friburgo.
Acostumado axitar o seu once, o técnico galego necesita reforzar a súa seguridade defensiva -o sueco Starfelt non chega ao encontro- e atopar solucións en ataque. E aí aparecen dous nomes: Iago Aspas e Matías Vecino. A súa experiencia e liderado parecen determinantes para soñar con emular ao Celta de Berizzo e sacar o billete para a semifinal continental.
A cidade está ilusionada co equipo e con poder facer historia. Balaídos estará cheo.