Piratéanlle as contas a unha fábrica de cervexa de Nigrán e pídenlle un rescate
Accederon ás súas contas nas redes sociais e cambiáronlles os contrasinais
Pedíanlle 100 euros e como se negaron rebaixaron o rescate a 50
Unha pequena empresa familiar de Nigrán sufriu un ataque informático. Uns háckers fixéronse cos seus contrasinais das redes sociais. Andrés Toledano, xerente e socio da fábrica Cervezas Band, explica: "Non nos deixaba facer publicacións, pensabamos que era unha caída de Internet. Algúns seguidores recibían mensaxes como se fosen nosas para comprar bitcoins e xa nos preocupamos".
O hácker, presuntamente dende Bielorrusia, pediulles un rescate para que puidesen recuperar a súa conta. "Comezamos a recibir mensaxes do hácker dicindo que se lle pagabamos liberaba a conta. Negámonos e os 100 euros cambiaron noutras mensaxes a 50 euros. Negámonos por principios, non aceptamos chantaxes", lembra Toledano.
O maior problema é que ademais de ser unha fábrica de cervexa, teñen sala de degustación, onde organizan actividades que comunican a través das redes, por iso dende a fábrica intentan "que os seguidores pasen á nova conta para que estean informados das actividades que facemos: concertos, exposicións, degustacións".
Finalmente rexeitaron pagar e pídenlle aos seus seguidores que busquen a súa nova conta e denuncien a hackeada.