Haberá dous equipos galegos na fase final da Copa da Raíña de balonmán feminino
Porriño e Guardés sacaron adiante os compromisos lonxe de Galicia nos oitavos de final

O Conservas Orbe Zendal Porriño e o Mecalia Guardés estarán na fase final da Copa da Raíña de balonmán feminino que se xogará entre o 14 e o 16 de marzo en Granollers. Os dous equipos galegos eran favoritos nas eliminatorias de oitavos de final pero tiñan que gañar como visitantes.
Foi o Porriño o que sufriu máis na pista do La Calzada. Gañou por 19-23, pero durante case todo o partido as diferenzas foron mínimas. O cadro porriñés xogou moito mellor uns últimos minutos aos que se chegou cun equilibrio máximo (17-18). O bo facer en ataque de Paulina Buforn (6 goles) resultou determinante.
Máis doado resultou o compromiso do Mecalia Guardés na cancha do Zuazo (17-22). Desde a defensa gañou o partido o equipo do Baixo Miño, que no primeiro tempo dominaba por 6-12. Na segunda parte dedicouse a xestionar a diferenza e a gardar vantaxes que sempre estiveron por riba dos cinco goles.