Publicador de contidos

González Formoso: "A integración ten que pasar pola valía das persoas"

González Formoso: "A integración ten que pasar pola valía das persoas"

"Ten que ser unha executiva na que se vexa reflectida Galicia", asegura o vencedor das primarias do PSdeG 

"O meu compromiso é total e se chegado o momento nos vemos no escenario de que son a persoa idónea, darei o paso", di Formoso sobre a posibilidade de ser candidato á Xunta

G24.gal 01/11/2021 09:31

Valentín González Formoso prepara xa o Congreso Nacional do PSdeG do que sairá como novo secretario xeral dos socialistas galegos, tras impoñerse a Gonzalo Caballo nas eleccións primarias que se celebraron este sábado. E faino, asegura, traballando para conseguir unha executiva de "integración que pase pola valía das persoas".

Entrevistado este luns no informativo Bos días, recoñeceu que "a primeira valoración dos resultados é mellor do esperado".

"Aquí o militante decide"

"Tíñamos a sensación cando percorríamos Galicia que o discurso de ter que levarlle unha mensaxe distinta para o PSdeG pois ía calando", dixo González Formoso. "Pero sabes que ao final depende do voto da militancia, a diferenza doutras formacións, aquí o militante decide. E ata o día da votación era difícil de saber".

Tras vencer nesas primarias o xa novo líder do PSdeG falou co presidente do Goberno, Pedro Sánchez: "Antonte á noite falamos, saía do cumio do G-20 e foi unha conversa breve, de felicitación, e de impulso cara ao futuro, desexarnos toda a sorte do mundo e o seu apoio de cara aos próximos anos".

Formoso di que encara ese novo liderado "con normalidade, sen dramatismos. Tendo claro cal é a nosa vocación e obxecto na política, que é servir ao pobo galego".

"Se vemos que son a persoa idónea, darei o paso"

E sobre a posibilidade de ser candidato dos socialistas galegos á presidencia da Xunta, González Formoso dixo que "eu non podo aclarar ese futuro. O meu compromiso é total. Se o partido considera que o proxecto que encabezamos é o correcto e que vai calando na sociedade galega, pois será a sociedade a que mande unha mensaxe de quen queira que sexa o candidato do PSdeG".

"O meu compromiso é total e se chegado o momento nos vemos no escenario de que son a persoa idónea, darei o paso", concluíu.

Formoso non quere polo momento abordar a situación do grupo parlamentario do PSdeG, no que Gonzalo Caballero ten intención de manter o escano. "Imos paso a paso, primeiro foi o sábado, cun resultado rotundo por parte da militancia. Agora toca organizar o congreso de decembro, onde temos que perfilar cal vai ser o deseño do partido e elixir os perfís idóneos. E a partir de aí tomar decisións", afirmou.

Caballero e Formoso mantiveron unha conversa a mesma noite das primarias, pero o vencedor nestes comicios internos dos socialistas limitouse a comentar que foi "para felicitarnos e compartir a experiencia destas primarias que foi intensa".

"Unha executiva na que se vexa reflectida Galicia"

González Formoso insiste en que traballará por ter a mellor executiva posible no PSdeG, pero di que aínda non sabe quen a vai integrar. "Mentiría, porque non a teño", afirmou.

"Ten que ser unha executiva na que se vexa reflectida Galicia, e onde nós esteamos cómodos e cómodas como partido. Unha executiva onde a integración pase pola valía das persoas e non polas sensibilidades internas do partido, que sempre existirán e deben ser respectadas, pero ten que ser un órgano representativo do país ao que vai servir", explica Formoso.

Ao que non parece temer é a que se lle xunte o traballo, xa que polo momento mantén a intención de seguir como presidente da Deputación coruñesa e como alcalde das Pontes. "O presidente do Goberno é secretario xeral do PSOE e presidente dun Goberno que manexa cifras astronómicas orzamentarias e asuntos ben complexos", explicou.

"Eu son presidente da Deputación da Coruña, secretario provincial do Partido Socialista na Coruña e alcalde da miña vila, e con este escenario de compatibilidade acadamos máis do dobre de alcaldías nas últimas eleccións municipais, e polo tanto está acreditada a compatibilidade. Esa dúbida non a teño. O criterio que seguimos é o de conformar equipos, motivados, nos que delegar a confianza da xestión", aclarou.

E sobre a súa relación co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Formoso di que a súa intención é que sexa "como fago como alcalde das Pontes. Unha relación institucional correcta, positiva. Eu non vin á vida política a confrontar con ninguén innecesariamente e a poñer paus nas rodas nos asuntos que son de país. Teremos diferenza de criterio en motísimos aspectos, como os temos agora mesmo, pero temos unha relación moi correcta e moi construtiva e ten que seguir sendo así".

E respecto á líder do BNG, Ana Pontón, di que polo momento esa relación entre eles "é inexistente a data de hoxe, pero entendo que será boa tamén. Teño moi boas referencias persoais de Ana. E por outra parte, comparto co BNG o goberno da Deputación da Coruña onde compartimos un proxecto progresista, cunha parte do ideario que non compartimos para nada, pero que en calquera caso cando chegamos a unha institución para mudar o entorno que se nos encarga poñemos enriba da mesa a parte progresista do noso proxecto e a outra parte non coincidente deixámola na casa"

Publicidade
Publicidade
Publicidade