Publicador de contidos

Publicador de contidos

Estas son as dez medidas que propón incluír o Goberno no novo decreto de vivenda

Estas son as dez medidas que propón incluír o Goberno no novo decreto de vivenda

O Goberno apura os contactos cos grupos parlamentarios para aprobar un decreto lei "ambicioso e transversal" no Consello de Ministros deste martes

Trátase, aseguran, de atender o "o clamor social" e protexer a cidadanía ante os desafiuzamentos para que "non haxa unha soa Maricarmen máis"

Arquivo/Eduardo Parra/Europa Press Arquivo/Eduardo Parra/Europa Press
G24.gal 28/09/2026 09:37

O Ministerio de Vivenda subliña que o Goberno está a traballar cos grupos parlamentarios para aprobar este martes no Consello de Ministros un real decreto lei "ambicioso e transversal" que inclúa unha ampla batería de medidas urxentes para defender o dereito á vivenda en dez ámbitos.

Tras o desafiuzamento de Maricarmen, unha muller de 87 anos que levaba vivindo máis de 70 anos nunha vivenda no madrileño barrio do Retiro cun contrato de renda antiga, e a protesta crecente na rúa, con centos de acampados na Porta do Sol, o Executivo de Pedro Sánchez propón:

1. Protección ante os desafiuzamentos. "Para que non haxa unha soa Maricarmen máis", subliñan.

2. Prohibición da compra especulativa aos fondos voitre, xa que defenden que as vivendas son para vivir.

3. Estabilización dos contratos de alugueiro para protexer as persoas que viven en comunidades nas que non se aplica a Lei de Vivenda fronte a subidas "abusivas", así como ao conxunto da poboación fronte ás renovacións.

4. Regulación do alugueiro de tempada co obxectivo de acabar coa fraude nos contratos de curta duración.

5. Poñer un IVE aos pisos turísticos para que tributen como o que son, un negocio, e para frear a súa proliferación.

Bonifiacións fiscais

6. Bonificacións fiscais para as persoas inquilinas coas que o Executivo quere rebaixar o esforzo económico "de xeito inmediato".

7. Bonificacións fiscais para quen baixe o prezo do alugueiro, a fin de incentivar que baixen as rendas dos alugueiros.

8. Axudas á compra da primeira vivenda. Unha medida dirixida a axudar ás persoas que queren adquirir unha vivenda pero non teñen aforros previos.

9. Blindaxe do parque estatal de vivenda. "Para que nunca máis unha vivenda paga co diñeiro de todos acabe en mans de especuladores", apuntan desde o departamento que dirixe Isabel Rodríguez.

10. Baixada do IVE á construción de vivenda protexida con cualificación permanente porque entenden que a regulación se ten que acompañar coa ampliación do parque de vivenda alcanzable.

Desde Vivenda subliñan que a concreción destes puntos segue en negociación e que o Goberno "está a se afanar" en construír un acordo entre os grupos parlamentarios que responda o clamor " social" e mellore o acceso á vivenda da cidadanía.

Sumar di que o acordo sobre o texto segue moi lonxe

Con todo, Sumar, o socio de coalición do PSOE no Goberno, advirte de que o acordo sobre o texto segue "moi lonxe" e que non van validar un texto "que non estea á altura do momento que esixe a cidadanía".

Sumar defendía que o decreto de vivenda, que inicialmente se quería aprobar en xullo, pero atrasouse por falta de apoios, tiña que ir a este próximo Consello de Ministros "si ou si" e que non se contemplaba outra opción.

Mesmo, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, chamou a mobilizarse contra o Executivo do que forma parte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade